Campaña 'Nenos, non soldados'

A Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas para os nenos en conflitos armados, Leila Zerrougui, e o director executivo de UNICEF, Anthony Lake, lanzaron hoxe unha nova iniciativa para rematar antes do ano 2016 co recrutamento e uso de nenos por parte dos exércitos.

"Hai consenso entre os Estados sobre que ningún neno debería ser recrutado ou usado en conflitos por parte de grupos armados", dixo a Representante Especial durante o lanzamento da campaña Nenos, non soldados en Nova York. "Chegou o momento de que o mundo se unha e pase páxina, dunha vez por todas, acerca do recrutamento e uso de nenos por parte de grupos armados en conflitos. "

En todo o mundo, miles de nenos e nenas son recrutados por exércitos ou grupos armados da oposición para que sirvan como combatentes, cociñeiros, cargadores, mensaxeiros ou en calquera outra tarefa. As nenas, e ás veces os nenos, son tamén recrutados con fins sexuais.

"Debe rematar o recrutamento e uso de nenos por parte dos exércitos" dixo o director executivo de UNICEF, Anthony Lake. "A campaña Nenos, non soldados pretende centrarse neste asunto e darlle a atención que merece. Cando axudamos un neno que foi soldado a superar unha experiencia tan terrible e a prepararse para un novo futuro, facemos algo máis que reparar unha vida rota. Empezamos a pechar as feridas dunha nación esgazada polo conflito".

Na actualidade, oito forzas de seguridade gobernamentais recrutan e usan nenos. Nos últimos tres anos, seis deses países asinaron os seus respectivos plans de acción coas Nacións Unidas: Afganistán e Chad en 2011, seguido por Sudán do Sur, Myanmar, Somalia e a República Democrática do Congo o ano seguinte. Tanto Iemen e Sudán expresaron o seu compromiso de liberar os nenos dos exércitos, así como continuar o diálogo coas Nacións Unidas.
 
Durante os próximos dous anos, a Oficina da Representante Especial, UNICEF, Nacións Unidas e as ONG asociadas reforzarán o seu apoio aos esforzos dos oito gobernos para asegurar que os nenos se reintegran na vida civil e que se poñen en marcha plans de acción para poñer fin e previr o recrutamento.

Aínda que esta campaña se centra nos exércitos que figuran no informe do Secretario Xeral, Nacións Unidas seguirá traballando para facer fronte ás graves violacións cometidas polos grupos armados.