Brote de ébola: como afecta aos nenos?

Polo momento non se consegue conter o brote de ébola en África Occidental, que xa ameaza as vidas e o benestar de comunidades enteiras.

Nos catro países máis afectados polo virus (Guinea, Liberia, Nixeria e Serra Leoa) viven 4,5 millóns de nenos menores de cinco anos que necesitan axuda.

Aínda que o ébola non pareza unha típica enfermidade infantil, o seu impacto nos nenos está a ser cada vez máis dañino.

O virus do ébola mata máis do 50% das persoas afectadas e os nenos son aínda máis vulnerables fronte á enfermidade. Aos nenos enfermos de ébola, hai que sumar os nenos que perderon un ou ambos os dous dos seus pais pola enfermidade e que se enfrontan ao risco de crecer sen a atención axeitada ou ter que valerse por si mesmos.

Os especialistas en terreo tamén explican que miles de nenos en Guinea, Liberia, Nixeria e Serra Leoa están a experimentar fortes episodios de angustia ao estar a ser testemuñas da morte ou o sufrimento dos seus pais, familiares e veciños. Outros miles de nenos necesitan apoio tamén para superar a estigmatización e a discriminación das súas comunidades se no seu ámbito houbo algún caso de contaxio.
 

BROTE DE ÉBOLA: AUMENTA o RIScO DE MORTALIDADe INFANTIL 

Os nenos, ademais, vense especialmente afectados pola deficiente atención sanitaria nos países afectados polo ébola. O impacto do virus nos sistemas e servizos de saúde xa débiles está a ser demoledor.

En Liberia case todas as instalacións están totalmente pechadas ou só funcionan parcialmente. O que significa que moitos nenos non están a recibir as vacinas prescritivas, atención preventiva ou o tratamento necesario para as enfermidades comúns da infancia. As mortes de nenos menores de 5 anos por enfermidades como a malaria, a pneumonía, a diarrea e a desnutrición aguda volven crecer na zona.

En Serra Leoa, a situación é similar. Máis nenos morren de malaria debido a que xa non teñen acceso ao tratamento. Segundo o Departamento de Saúde, as mortes por enfermidades tratables como a malaria, a pneumonía e a diarrea poderían superar as de ébola tres ou catro veces, debido ao medo da poboación a achegarse ás instalacións médicas para recibir tratamento.
 

Brote de ébola: Impacto na educación 

A educación dos nenos e as nenas tamén se está a ver moi afectada pola resposta ante o ébola. En Liberia e Serra Leoa, máis de 3,5 millóns de nenos non poden volver á escola ata novo aviso.

O actual brote de ébola, é o máis mortífero que se deu xamais, e parece que a magnitude da crise está máis preto de empeorar que de mellorar. Non existe cura doado para o virus, pero o impacto a longo prazo nos nenos pode minimizarse se non deixamos sós os países afectados e enviamos entre todos a axuda necesaria para asegurar o acceso aos servizos sanitarios e sociais. Necesitamos axuda para apoiar os hospitais e para salvar os nenos e as súas familias do ébola.

Por favor, fai o teu donativo agora