4 de cada 10 alumnos de 5º e 6º de primaria de Galicia xa dispoñen de móbil propio

Son os datos que arroxa o informe Infancia, adolescencia e benestar dixital en Galicia elaborado por UNICEF

Unha nena pousa co seu móbil mentres fai unha foto.

03/06/2026

Gravación da Xornada AQUÍ  

Os nenos, nenas e adolescentes de Galicia viven hoxe máis conectados que nunca, un fenómeno que, aínda que ofrece oportunidades de aprendizaxe e socialización, tamén supón desafíos críticos para o seu benestar.  

Segundo o informe Infancia, Adolescencia e Benestar Dixital en Galicia, baseado nas respostas de 3.381 escolares de entre 10 e 20 anos de 25 centros educativos, na nosa comunidade o primeiro móbil chega de media aos 11 anos, e xa en 5º e 6º de primaria 4 de cada 10 nenos e nenas dispoñen de dispositivo propio; ademais, o 93,7% dos adolescentes enquisados participa polo menos nunha rede social.

Este estudo, que recolleu os datos entre novembro de 2024 e xuño de 2025, é froito do traballo conxunto entre Red.es, UNICEF España, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), coa colaboración da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional de Galicia. 

Presentación do estudo “Infancia, adolescencia e benestar dixital en Galicia”

O informe, que arroxa datos de Galicia, foi presentado o xoves 28 de maio na facultade de Psicoloxía da USC no marco dunhas Xornadas organizadas por UNICEF Galicia co obxectivo de sensibilizar e promover a protección da rapazada na contorna dixital. Na presentación do estudo participaron María Montalvo, presidenta de UNICEF Comité Galicia, Amparo Puente, directora adxunta de Administración, Finanzas y Fondos Europeos de Red.es, Juan José González Cid, secretario do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, e Antonio Rial Boubeta, profesor titular da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

“A exposición dixital temperá e sen acompañamento implica riscos que poden derivar en usos problemáticos e condutas inadecuadas, e isto asóciase con peor saúde mental e menor calidade de vida. A situación en Galicia é moi similar á do resto do país: os riscos para a infancia no ámbito dixital non son un fenómeno local, senón un reto estrutural que preocupa a máis do 90% da cidadanía e que require da implicación e a coordinación de institucións, familias, escolas e sector privado. O benestar dixital debe abordarse desde a prevención, e desde as perspectivas da saúde, a convivencia, e a educación en dereitos”

 

María Montalvo, presidenta de UNICEF Comité Galicia.

Algúns dos datos máis relevantes

  • Usos problemáticos e adiccións: o 4,7% dos adolescentes en Galicia realiza un uso problemático das redes sociais e o 1,2% presenta un posible trastorno por uso de videoxogos. Ademais, un 1,9% clasifícase como xogadores problemáticos no ámbito das apostas e o xogo en liña.
  • Consumo de pornografía: o acceso a contidos pornográficos prodúcese, de media, aos 11 anos. Aínda que o consumo ocasional sitúase no 17,4%, un 6,8% dos adolescentes galegos mostra signos de consumo problemático.  
  • Saúde mental e risco suicida: o 13,5% do alumnado presenta síntomas claros de malestar emocional (ansiedade, depresión ou somatización). Especialmente alarmante é que un 7,6% presenta un risco suicida elevado. Este risco é significativamente maior entre as mozas (10,2%) fronte aos mozos (4,8%).  
  • Ciberacoso e violencia: un de cada dez menores galegos (9%) refire sufrir ciberacoso. No ámbito escolar xeral, a taxa de vitimización ascende ao 7,9%, inferior á de Vitimización tradicional (26,2%). Un de cada tres adolescentes (32%) ten sufrido violencia dixital na parella. 

Podes ver o informe completo AQUÍ

Nas diferentes áreas analizadas púidose comprobar a existencia de diferenzas significativas por idade, pero especialmente, por sexo. A maneira en que mozas e mozos se relacionan “na” e “coa” contorna dixital é relativamente diferente, con riscos e patróns de uso problemático tamén diferentes. Isto xustifica a necesidade de adoptar decididamente un enfoque de xénero á hora de deseñar novas políticas de prevención.   

A voz da rapazada galega: conversa con Lucía Regueiro 

Trala presentación do estudo, Lucía Regueiro, actriz, presentadora e Amiga de UNICEF Comité Galicia conversou con dous adolescentes das temáticas clave que lles preocupan, entre elas o impacto das redes sociais na súa saúde mental: “Non creo que a solución sexa prohibilas. Simplemente temos que saber como utilizalas, que sexan unha ferramenta”, apunta Alfredo, 17 anos, de Tomiño. “Queremos que os nosos pais e o profesorado nos axuden a comprender os perigos, que nos acompañen nesta viaxe”, engadiu Elda, 14 anos, do Rosal. 

Ambos manifestaron preocupación pola súa privacidade; o acoso escolar e o ciberacoso e salientaron como o 60% do seu entorno manifesta certa necesidade de desconexión dixital, porque queren favorecer o descanso, a concentración e o equilibrio nas súas vidas cotiás.  

Para rematar fixeron fincapé na intranquilidade que supón para eles a desinformación ou os contidos fraudulentos: “Danme medo os discursos de odio e as correntes de pensamento nocivas”. Rematou Alfredo. 

Abordaxe do uso da tecnoloxía dende a psicoloxía, o ámbito educativo e as familias 

Na mesa redonda composta por Ricardo Fandiño Pascual, coordinador da Comisión Intersectorial da Infancia e a Adolescencia do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, José Manuel Rego García, director do CEIP Manuel Sueiro de Ourense e Rogelio Carballo Solla, presidente de CONFAPA-GALICIA, púxose o foco nas implicacións  que ten un acceso temperán ao móbil e as redes sociais no benestar emocional de nenos, nenas e adolescentes.

Chamouse a atención sobre as consecuencias, podendo conducir a ansiedade, somatización ou depresión nun momento clave para o seu desenvolvemento, e da importancia de regular o uso dos dispositivos móbiles nos centros educativos.  

Incidiuse tamén nas consecuencias do consumo de pornografía e como esta impacta en datos como que 1 de cada 3 adolescentes en Galicia sofre violencia dixital na parella, a través de control e chantaxes, constatando a necesaria educación afectivo-sexual nos centros educativos. 

Propostas   

Ante estes resultados, UNICEF España e as entidades colaboradoras propoñemos medidas concretas para a rexión: 

  • Impulsar a coordinación entre familias, escolas, administracións, sector tecnolóxico, medios, sociedade civil e investigadores para unha acción coherente e eficaz, baseada no principio do interese superior do menor.  
  • Elaborar estratexias específicas e consensuadas que garantan a protección á infancia e adolescencia en contornas dixitais.   
  • Recoñecer os usos problemáticos da tecnoloxía como un asunto de saúde pública.  
    o    Equiparar a violencia dixital á física en termos de protección.  
    o    Integrar a prevención dixital en atención primaria.  
    o    Capacitar a profesionais en todos os ámbitos administrativos.  
    o    Asegurar infraestruturas dixitais seguras.  
    o    Crear espazos de desconexión dixital para actividades culturais e comunitarias.  
  • Limitar o acceso a contidos e servizos inadecuados.  
  • Asegurar que ao rematar a educación obrigatoria se dominen as competencias dixitais necesarias.  
  • Promover unha mediación parental gradual, desde o acompañamento infantil ata a autonomía adolescente.  
  • Esixir ás compañías tecnolóxicas a rendición de contas sobre o impacto dos seus produtos nos dereitos da infancia, independentemente do seu sector, tamaño, localización ou madurez; e promover informes corporativos sólidos que contribúan a mellorar os resultados para a infancia e ao desenvolvemento do marco regulatorio europeo.  

Pedimos á sociedade que se esixa á industria tecnolóxica un algoritmo seguro para os nosos adolescentes. 

Para que a tecnoloxía sexa segura, os algoritmos deben ser transparentes e ter un deseño responsable, por iso UNICEF España lanza a campaña Algoritmo seguro ya, que busca mobilizar á sociedade para esixir á industria tecnolóxica un algoritmo seguro para os adolescentes.

O obxectivo é levar as firmas á próxima edición do Mobile World Congress e lograr que empresas do sector tecnolóxico se comprometan para deseñar algoritmos e produtos que aseguren os dereitos da infancia e a adolescencia na contorna dixital, así como que haxa un espazo específico para nenos, nenas e adolescentes. 

Esixe un algoritmo seguro xa. Firma:  

https://www.unicef.es/infancia-tecnologia/algoritmoseguroya