‘Contaxio’ xa está dispoñible nas bibliotecas dos centros educativos de Galicia

A versión impresa do conto Contaxio xa está nos centros educativos. Xa tedes o voso exemplar?

Varios exemplares do conto "Contaxio" sobre unha mesa.

Durante o confinamento pola COVID19, desde UNICEF Comité Galicia en colaboración coa actriz e presentadora Lucía regueiro, argallamos unha sorpresa dirixida a toda a rapazada de Galicia. Froito desta iniciativa xurdiu a versión audiovisual de Contanxio, una viaxe emocional polo diccionario para coñecer como se relacionan as palabras.

Agora, uns meses despois e grazas a colaboración da Consellería de Política Social e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, lanzamos a versión impresa do conto, que nestes días estades a recibir nos centros educativos da comunidade para ter como recurso da biblioteca escolar. Ademais tamén estará dispoñible nas bibliotecas municipais e nos centros de protección.

Trátase dun conto didáctico, feito a seis mans e tecido a través das emocións - alegría, amor, satisfacción, responsabilidade, cooperación, respecto - co obxectivo de favorecer a aprendizaxe da cativada.

‘Contaxio’ promove a adquisición de actitudes como o interese por apoiar e axudar a outros en momentos difíciles e a preocupación polos sentimentos dos demais. Ademais, impulsa o desenvolvemento de actitudes e valores que constrúen democracia e cidadanía.

A primeira versión de ‘Contaxio’ viu a luz en formato audiovisual en xuño do 2020.“Cando escribimos Contaxio os nenos estaban pechados entre catro paredes sen poder saír, non había colexio, perderan as rutinas e os adultos das súas familias tiñan preocupacións non só sanitarias, tamén polo futuro e a economía. A incerteza estaba no ambiente e as familias precisaban axudar aos fillos a sobrelevar unha situación inédita. Saimos do confinamento, pero seguimos en risco e con necesidade de explicarlle aos pequenos que disto só se sae xuntos e colaborando. Diso vai Contaxio, de vencer medos unidos, de colaborar e saír adiante, sabendo que hai eivas, pero buscando solucións.” afirma María Solar, escritora e xornalista. 

 

Agora esta fermosa historia xa é unha realidade en papel e como di Lucía Regueiro "A todos os que fixeron posible este auténtico contaxio de amor, e a todos os que o estades a ler ou a ver en vídeo, GRAZAS de todo corazón".

Estes días están a chegar os exemplares a todos os centros educativos e esperamos que sexa un bo recurso de traballo para o que vén.

Xa tedes o voso? Compartide as vosas impresións en RRSS co hashtag #ContaxioUNICEF.