Unha boa noticia que sabe a pouco

Por Marta Arias, Directora de Sensibilización e Políticas de Infancia
 
Levabamos tempo esperando os datos. Para todo o equipo de UNICEF, a loita contra mortalidade infantil é unha obsesión permanente, un dos motores que impulsa o noso traballo. Coñecemos as súas causas, as súas cifras, os seus rostros... e sabemos tamén o pouco que custa evitalo, o importante que é unha vacina a tempo, ou unha mosquiteira impregnada de insecticida.
Esperabamos como digo os datos con impaciencia, coa dúbida de se a crise tería freado unha tendencia positiva que nos dera moitas esperanzas nos últimos anos. E os datos chegaron... cun raro sabor agridoce.

Doceporque constatamos que o esforzo conxunto de moitos actores (gobernos, organizacións humanitarias, persoas e comunidades, sector privado...) logrou reducir á metade os niveis de mortalidade infantil dende 1990. Este dato, que pode parecer frío, esconde nada menos que 90 millóns de vidas salvadas, 90 millóns de nenos e nenas con nome, rostro e apelidos que lograron sobrevivir.

E non obstante...hai pouco que celebrar. Porque, con crise ou sen ela, resulta de todo punto inadmisible que 18.000 nenos morran cada día por causas totalmente evitables, por enfermidades que a nós nos resultan case anecdóticas, como unha diarrea. Son 750 nenos á hora, máis de 12 por minuto. Lamentablemente, estamos inmunizados contra as estatísticas, pero calquera nai ou pai que lea estas liñas pode imaxinar a terrible dor que hai detrás de cada un deles.

Non debería ser así. Non ten por que ser así! Sabemos que hai formas efectivas e moi baratas de previr estas mortes. A experiencia de países como Bangla Desh, Brasil ou Etiopía demostra que é posiblereducir de forma drástica a mortalidade infantil. De feito, son os países máis pobres os que fixeron os progresos máis destacados.

Que fai falta entón para logralo? Vontade política, recursos axeitados e acción. A todos os niveis: familias e comunidades, gobernos e autoridades locais, doadores internacionais, empresas, voluntarios... Todos podemos e debemos poñer o noso granito de area, porque todos compartimos unha responsabilidade sobre estas vidas que están en xogo.

Sabemos como facelo e sabemos que funciona. Se ti tamén o crees, apoia a nosa campaña. Porque Agora non podemos parar.