República Centroafricana: África ten nome de muller

Post escrito por Marta Arias Robles, directora de Sensibilización e Políticas de Infancia UNICEF España

Acabo de volver da miña viaxe á República Centroafricana e sinto que necesitarei algún tempo para dixerir todo o vivido alí.

Foron uns días intensos, nos que coñecemos o sufrimento, pero tamén a esperanza dunha poboación golpeada por un conflito ao que aínda non se lle enxerga un punto final.

Repaso as miñas notas e chámame a atención comprobar que están repletas de nomes de mulleres. Nenas e maiores, cristiás e musulmás, vítimas algunhas e todas loitadoras infatigables.

República Centroafricana: as mulleres son loitadoras infatigables 

Nenas como Abiba, que ilustra na súa desolación toda a vulnerabilidade da infancia na República Centroafricana. Coñecémola no hospital de Yaloke, unha modesta instalación apoiada por UNICEF na que se atenden casos de desnutrición.

Abiba sufriu xunto con toda a súa familia un dos múltiples ataques aos que foi sometida a poboación musulmá dende que se recruou o conflito. No medio da confusión perdeu a súa nai e agora resístese a comer, ten febre e non se comunica. Tras moito indagar logrouse identificar a súa nai en Voda e estanse a facer as xestións necesarias para poder reunilas o antes posible, pero aínda así o seu futuro permanece incerto, posto que a súa comunidade aínda segue en perigo e non poden volver á casa.
 
No mesmo espazo de acollida temporal no que se encontra o resto da familia de Abiba traballan dúas novas avogadas centroafricanas, que pertencen á Asociación de Mulleres Xuristas. A súa misión primeira consiste en prestar apoio xurídico e psicolóxico ás mulleres afectadas por calquera tipo de violencia, lamentablemente unha realidade frecuente que se suma ao conflito político e relixioso que asola o país.

Percorrendo as precarias instalacións onde se amorean os desprazados explícannos que, na práctica, o seu traballo vai moito máis alá e acaban facendo labores de todo tipo, incluíndo aspectos tan importantes como a sensibilización en torno ás medidas básicas de hixiene, fundamentais para manter a raia o risco de epidemias nunha situación tan complexa.

De volta a Bangui e nunha das nosas últimas visitas coñecemos a Manasé, que chama a atención pola súa tremenda dignidade no medio doutro espazo abarrotado de persoas desprazadas que foxen da violencia.
 

República Centroafricana: a malaria, principal causa de mortalidade infantil

Nesta ocasión, Manasé é cristiá, pero comparte con Abiba e a súa familia ser vítima inocente dunha violencia irracional. O seu marido morreu durante os ataques do pasado mes de decembro e dende entón vive xunto cos seus 9 fillos e os seus 5 netos no centro de desprazados de St. Saveur. Ata alí acudimos para coñecer o traballo que se está a realizar para asignar mosquiteiras impregnadas de insecticida a todos os habitantes de Bangui. Pode parecer un asunto menor cando aspectos tan básicos como a seguridade ou a alimentación tampouco están garantidos, pero ese obxecto tan básico marca a distancia entre a vida e a morte nun país no que a malaria é a principal causa de mortalidade infantil.

Manasé ensínanos orgullosa as mosquiteiras que recibiu (un total de 7, unha para cada dous persoas seguindo o obxectivo que se marcou UNICEF neste proxecto ambicioso). Pregúntolle por que as ten gardadas en vez de instalalas en substitución das actuais, que xa están ostensiblemente deterioradas, e contesta sen dubidar: "estas son para cando poidamos volver á casa".

África ten definitivamente nome de muller, o de Abiba e Manasé, pero tamén o de Linda, Rahel, Tanya, Judit, Christine, Martina, Marion e un longo etcétera de compañeiras incansables que forman parte do equipo despregado na República Centroafricana por UNICEF (un equipo no que por certo tamén hai homes estupendos, incluídos os propios centroafricanos). Impresióname a súa calidade e o seu compromiso, a tranquilidade coa que che contan as noites pasadas debaixo da cama por temor a ser vítimas dalgunha bala ou granada perdidas.

Síntome pequena ao lado de calquera delas. Vítimas inocentes dunha violencia irracional. Pero reconfórtame saber que hai algo que podemos facer para que o seu esforzo non resulte en van: non permitir que a súa loita permaneza no esquecemento.

Este post foi publicado orixinalmente en 20 minutos o 15 de xullo de 2014