Infancia en España: comedores escolares, verán e pobreza infantil

Non é a primeira vez que acontece. Hai dous ou tres veráns empezaron a xurdir as primeiras voces de alarma.

O comedor escolar converteuse na principal oportunidade para que moitos nenos cuxas familias atravesan dificultades económicas reciban unha comida nutritiva e axeitada para a súa idade. A única nos casos máis extremos. Que pasa cando os comedores pechan?

Moitas organizacións e institucións -entre ela a Valedora do pobo- pediron ás administracións responsables a apertura de comedores en verán para os nenos que estean en maior situación de vulnerabilidade. A resposta das administracións é, de momento, moi diversa -pódese ver un repaso breve por Comunidades Autónomas nesta nota de Save the Children-.

Partamos dunha base: non hai ningunha xustificación para que haxa nenos en España que non reciban unha alimentación axeitada. Ningunha. E polo tanto todas as medidas encamiñadas a atallar esta situación deben ser benvidas.

Pero non podemos actuar por riba.

a apertura dos comedores non é máis que unha medida de emerxencia

En primeiro lugar, porque tan importante é facer algo como o xeito en que se fai e as consecuencias que isto pode ter para os nenos. A apertura dos comedores debe darse sempre no marco de actividades educativas e de ocio que axuden aos nenos e eviten unha imaxe dun "comedor social infantil" que poida estigmatizar os usuarios.

En segundo lugar, porque a apertura dos comedores non é máis que unha medida de emerxencia, necesaria para atender a urxencia de cada día (non esquezamos que unha mala alimentación nos nenos carrexa consecuencias para toda a súa vida), pero non suficiente. A solución a medio prazo debe consistir en axudar as familias que teñan dificultades para que elas sexan capaces de alimentar axeitadamente aos seus fillos no seu ámbito.

Temos polo tanto un dobre reto. En primeiro lugar, responder á emerxencia -dicía o Presidente de Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN polas súas siglas en inglés) en España na recente celebración do seu 10º aniversario que "non podemos pedir paciencia a quen non pode esperar" claramente a alimentación dos nenos é unha destas situacións-. En segundo lugar, sentar as bases para que o próximo verán poidamos estar a contar unha historia diferente.

Precisamente nesas medidas estruturais necesarias para abordar a situación de pobreza que segue afectando a demasiados fogares no noso país centra a súa atención o Informe sobre Infancia en España 2014, que presentaremos publicamente a semana que vén. Esperamos que contribúa a alimentar un debate imprescindible, pero sobre todo unha acción e un compromiso de todos para evitar que a historia dos comedores, como a canción do verán, se repita un ano máis.