'É ébola?, teño ébola? '

Este artigo publicouse orixinalmente en Elmundo.es

As buliciosas rúas de Freetown están baleiras.

Apenas algún coche aparece repentinamente nas estradas desertas coas luces de emerxencia.

Son as sete da mañá no inicio da campaña de sensibilización de tres días en Serra Leoa, o porta a porta ou Ouse to Ouse Tock en krío, o idioma máis falado no país.

Un dos equipos de sensibilización empeza en Eastern Waterloo, unha das zonas máis degradadas de Freetown. Hai case 30.000 voluntarios en grupos de catro informando sobre o ébola en todo o país para visitar 1,5 millóns de fogares. UNICEF proporcionou a esta campaña, liderada polo Goberno do país, apoio técnico e financeiro, e materiais informativos.

Serra Leoa poñerá tres rexións máis en corentena indefinida nun intento de frear o avance do ébola, segundo sinalou o presidente Ernest Bai Koroma nun comunicado. A iniciativa supón que cinco dos 14 distritos do país, con máis de 1,2 millóns de habitantes, se encontran baixo illamento.

Os grupos de voluntarios entran nas labirínticas canellas dos suburbios da cidade. As familias espéranos pacientes, sentados nos soportais das casas onde cociñan, lavan a roupa, escoitan a radio ou xogan ás damas. Unha das voluntarias cunha melena rubia recollida nunha trenza explica como se transmite o ébola e cales son os síntomas que provoca a enfermidade. Todo o mundo escoita en silencio, ata os máis pequenos.
 
Unha muller na vintena que tende a roupa empeza a berrar en ton dramático: " Non me toques, non me toques!, mentres a súa nai a persegue cos brazos estirados e as palmas das mans abertas e as pon na súa barriga. Os veciños rin. O humor parece o antídoto dos serraleoneses contra o medo.
 

Brote de ébola: medo aO contaXio

A voluntaria rubia cede a quenda a outro membro do equipo que carga unha caixa de xabón nos seus brazos e entrega unha xabón amarela á familia explicando como deben lavarse as mans, "lentamente, facendo fincapé nas uñas e os antebrazos". Durante a explicación entrégase unha pastilla de xabón por familia para promover o lavado de mans. A familia colle a xabón e comenta que é insuficiente. Os membros do equipo reiteran que é para fomentar a hixiene, logo cada familia ten que proverse polos seus propios medios.

Ao rematar a sesión pásase á quenda de preguntas, mentres outro dos membros do equipo pega na parede un adhesivo que certifica que o fogar recibiu a información. En total, uns 20 minutos e pásase ao seguinte fogar.
 
Outro equipo trasládase aos arredores do mercado de Dovecut onde as caixas de cartón, os restos de froitas podres e a auga de chuvia forman unha amálgama fedorenta. Unha ambulancia aparece de súpeto. Os veciños rodean unha muller embarazada, moi nova, que camiña con dificultade cara ao vehículo, descalza. Quéixase de dor abdominal. Ninguén a axuda a camiñar a pesar de facelo con moita dificultade. Temen que teña ébola. Chega ao lado da padiola e o enfermeiro, en manga curta e con luvas de látex a axuda a estirarse rozando claramente o seu brazo esquerdo ao colocalo o cinto de seguridade.

A ambulancia sae a toda velocidade dende o mercado ata o Princess Christian Maternal Hospital de Freetown (PCMH). Mentres descargan a padiola a muller pregunta angustiada con bágoas nos ollos: " É ébola?, teño ébola? ". Dúas enfermeiras protexidas cunha bata de quirófano, luvas de látex e unha máscara colócanlle un termómetro debaixo da axila. Os tres minutos que tarda o mercurio en subir polo tubo de cristal parecen interminables. Finalmente, outra enfermeira usa un termómetro de infravermellos. Un 35.2 debúxase en vermello na pantalla do termómetro. Non ten febre. Non é ébola.
 
Kadie Sisé, así chámase a nova muller embarazada, desaparece tras as portas da consulta. Ao cabo duns minutos sae polo seu propio pé ata a sala de espera. Diagnosticáronlle unha infección e terá que estar no hospital uns días. A asistencia médica para as embarazadas e os menores de 5 anos é gratuíta en Serra Leona.
 

Brote de ébola: a máis inhumana das enfermidades

A asistenta da matrona no hospital, Elizabeth Koroma, confirma que é unha infección, pero "temos unha embarazada que deu ébola positivo no centro de illamento, " engade. Ninguén pode achegarse, agás as enfermeiras. Hai un cartel na entrada que anuncia a perigosidade do lugar, en letra pequena, demasiado pequena para un centro de illamento no medio dun centro hospitalario das dimensións do PCMH.

A traballadora médica sinala unha ventá na parte traseira do centro do edificio dunha planta, pola que se pode ver a enferma. Hai dous ladrillos colocados estratexicamente para permitir a visión. Antes de empolicarnos, Elizabeth prevén, " non toquedes a ventá! ". A través dos barrotes vemos un rostro inexpresivo. Unha muller embarazada vestida de azul sentada enriba das incólumes sabas brancas dunha cama. Soa. "Hai un familiar no hospital, pero non pode entrar na sala de illamento", dinos a matrona.

Segundo o Goberno de Serra Leoa identificáronse 130 casos de ébola durante a campaña de sensibilización. Espéranse os resultados das análises de 39 casos máis. Segundo o Ministro de Saúde chegouse a máis do 75% do 1.5 millóns de fogares identificados.

O ébola é a máis inhumana das enfermidades. Non só é altamente infecciosa senón que ademais te obriga a superala ou morrer.

Yolanda Romero é membro de UNICEF que traballa en Serra Leoa.