Ucraína: protexemos aos nenos con apoio da Xunta de Galicia

 26 puntos estratéxicos ao longo dos roteiros de desprazamento da poboación, proporcionan coidado e protección aos nenos, nenas e as súas familias

UNICEF da apoyo a los niños y familias que huyen de Ucrania a través de los Puntos Azules.
 

31/03/2022

Co apoio da Xunta de Galicia, no marco do convenio para salvar e protexer á infancia en situacións de emerxencia e crises humanitarias, asinado con UNICEF Comité Galicia, traballamos incansablemente para proporcionar asistencia aos nenos, nenas e familias que se viron obrigados a deixar os seus fogares e a desprazarse debido aos enfrontamentos.

Antes das hostilidades que comezaron o pasado 24 de febreiro, Ucraína vivía xa un conflito que deixou, desde 2014, a máis de 500.000 nenas e nenos de Donetsk e Lugansk en situación de emerxencia humanitaria e 189.000 desprazados. 

Esta crise, prolongada e invisibilizada, perturbou enormemente a vida cotiá e o benestar dos nenos, nenas e as súas familias.

A guerra supón unha ameaza crecente e inmediata para a vida e o benestar dos 7,5 millóns de nenos do país, e está a provocar un aumento diario das necesidades humanitarias, con desprazamentos masivos de poboación dentro e fóra do país”, explica a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito. 

Manter a seguridade dos nenos e as mulleres mentres realizan estas difíciles viaxes é unha prioridade. Para iso, UNICEF elaborou un plan de continxencia que asegura a súa protección e proporciona acceso a servizos esenciais a través dos chamados “puntos azuis, espazos seguros situados en lugares estratéxicos ao longo dos roteiros migratorios, incluídas as zonas de entrada e saída das fronteiras.

Estes espazos proporcionan información práctica e valiosa para axudar no transcurso da viaxe, un lugar para descansar e xogar, e para poder recibir auxilio médico e psicosocial.

O financiamento da Xunta de Galicia destinarase a apoiar a instalación e o funcionamento destes espazos seguros, que proporcionan subministracións e servizos esenciais aos nenos, como kits de primeiros auxilios, de hixiene, roupa ou kits para o desenvolvemento da primeira infancia. Á súa vez, contan con atención de persoal especializado como enfermeiros, psicólogos ou intérpretes.

A situación dos nenos é moi difícil, estamos ante unha crise de protección da infancia. Os nenos están a ser forzados a tomar perigosos camiños para fuxir, poden resultar feridos ou sufrir graves traumas. Grazas ao apoio da Xunta, podemos responder canto antes ás máis urxentes e crecentes necesidades dos nenos de Ucraína”, subliña a presidenta de UNICEF Comité Galicia.