Coa Xunta de Galicia protexemos aos nenos e nenas en Siria fronte á COVID-19 

Entregamos subministracións aos centros de saúde e as escolas para chegar a 140.000 nenos e ás súas familias. 

Niña siria.
07/06/2021
 

Tras unha década de crise humanitaria e hostilidades en Siria, o impacto na situación dos nenos e nenas é enorme. Este ano, máis de 11 millóns de persoas, entre elas 4,8 millóns de nenos, seguen necesitando axuda humanitaria, e 6,1 millóns continúan desprazados internamente. Un contexto complicado, que se agravou pola chegada da COVID-19 e a recesión económica que derivou da pandemia.

En UNICEF traballamos desde o inicio do conflito para dar resposta a esta crise e cubrir as necesidades inmediatas dos nenos e as nenas. Agora, coa axuda da Xunta de Galicia, continuamos despregando operacións para axudar á poboación de Siria na súa loita contra a COVID-19 e atender as necesidades dos nenos. 

Estamos a entregar subministracións básicas aos centros de saúde e ás escolas co obxectivo de alcanzar a 140.000 nenos, nenas e ás súas familias así como ao persoal sanitario.

Tamén proporcionamos acceso a auga potable e instalacións de saneamento seguras e subministracións para a desinfección das escolas, os centros sanitarios e outras instalacións básicas. 

A intervención desenvólvese con especial foco nos campamentos de desprazados habilitados nas zonas do nordés e noroeste do país, incluíndo as áreas de difícil acceso que desde 2019 son onde máis se agravou o conflito.  

Como sinala a nosa presidenta en UNICEF Comité Galicia, Myriam  Garabito, “seguir garantindo o acceso a auga potable e a instalacións de saneamento seguras e adecuadas a través da compra e distribución de kits de auga e hixiene para as nenas, nenos e as súas familias, é a nosa prioridade”.