Proporcionamos produtos nutricionais en Gaza co apoio da Xunta de Galicia
Nenas, nenos e mulleres embarazadas ou lactantes reciben tratamento contra a desnutrición e deficiencia de micro nutrientes.

O 22 de agosto de 2025, a ONU declarou oficialmente a fame en Gaza. A falta de alimentos alcanzara niveis extremos. Hoxe, ningunha zona da Franxa de Gaza se atopa actualmente en situación de fame, pero o 77% da poboación -1,6 millóns de persoas- enfróntanse a altos niveis de inseguridade alimentaria, é dicir, grandes déficits no consumo de alimentos, altos niveis de desnutrición aguda e un elevado risco de mortalidade. Prevese que máis de 100.000 son nenos e nenas. Ademais, 37.000 mulleres embarazadas e lactantes sufrirán desnutrición aguda ata abril deste ano.
Para responder de forma urxente á situación humanitaria en Gaza, activamos un plan que prioriza reducir a inseguridade alimentaria, distribuír roupa de abrigo para o inverno ou retomar as vacinacións en lugares onde aínda non fora posible. O plan tamén inclúe intervencións en auga e saneamento e apoio psicosocial.
Co apoio de aliados, lideramos unha resposta rápida para atender a nenas e nenos afectados pola desnutrición, equipamos escolas e hospitais con subministracións e persoal capacitado, abrimos puntos de atención e distribuímos leites terapéuticos e produtos esenciais, especialmente en hospitais con acceso limitado a alimentos. As accións enfócanse en nenos e nenas menores de cinco anos e mulleres embarazadas ou lactantes, sen esquecer a quen presentan desnutrición en idades maiores.
O apoio da Xunta de Galicia contribuirá a mellorar o estado nutricional de nenas e nenos menores de 5 anos, así como de mulleres embarazadas ou en período de lactación. A intervención céntrase en identificar a quen presentan desnutrición, garantir o tratamento de deficiencias de micro nutrientes e ofrecer atención adecuada aos casos máis graves, asegurando que as persoas máis vulnerables reciban a axuda que necesitan.