Loitamos contra a COVID-19 en Malí co apoio da Xunta de Galicia

Enmarcada no Mecanismo COVAX, a finalidade desta intervención é vacinar á poboación obxectivo, formar ao persoal sanitario e sensibilizar sobre a efectividade e a seguridade da vacinación

Vacunación en Mali contra la COVID-19.

© UNICEF/UN0579567/Keïta

12/09/2022

A Xunta de Galicia, no marco do convenio para salvar e protexer á infancia en situacións de emerxencia e crises humanitarias asinado con UNICEF o pasado mes de xaneiro, aposta por mellorar a situación sanitaria da poboación de Malí a través da vacinación contra a COVID-19.

Malí enfróntase a grandes retos na xestión dos casos da COVID-19 debido á escasa capacidade do sistema sanitario e aos limitados recursos do país. Esta intervención permitirá apoiar a segunda fase do plan de vacinación en Malí contra a COVID-19.

A proposta centrarase en 5 rexións do norte do país onde a inseguridade é alta: Tombuctú, Taoudeni, Gao, Menaka e Kidal. As poboacións obxectivo nesta fase, segundo están definidas no actual Plan Nacional de Vacinación COVID-19, serán o persoal de saúde, persoas maiores e persoas con co-morbilidades asociadas.

Esta colaboración reforza o noso traballo no Mecanismo COVAX, que se centra en asegurar un acceso rápido, xusto e equitativo ás vacinas contra a COVID-19.

UNICEF apoiará ao goberno para que teña suficiente capacidade en todo o país, que as vacinas estean dispoñibles en todos os centros de saúde do país identificados como prioritarios, que o persoal estea o suficientemente formado para administrar cada vacina e que, finalmente, a poboación obxectivo conte con información veraz sobre a efectividade e a seguridade da vacinación.

Co apoio da Xunta de Galicia prevese vacinar ao redor de 12.450 persoas, mellorar a capacidade de almacenamento e distribución das vacinas e sensibilizar á poboación en relación á vacinación a través dos medios de comunicación, líderes sociais, comunitarios e relixiosos.