Educación e protección para os nenos e nenas en Haití 

A intervención, apoiada pola Xunta de Galicia, permitirá avanzar na estabilización do sistema educativo e na rehabilitación das infraestruturas danadas. 

Educación y protección para los niños de Haití.
21/10/2021
 

A Xunta de Galicia comprometeuse con UNICEF en Haití para contribuír a promover o dereito á educación e á protección de nenos e nenas afectados polo paso dun violento terremoto hai máis de dous meses, en concreto 410 estudantes de entre 6 e 14 anos de nove escolas. Esta intervención permitirá avanzar na estabilización do sistema educativo e na rehabilitación das infraestruturas danadas, xerando contornas de ensino seguros e protexidos.

Un terremoto de 7,2 graos de magnitude sacudiu o pasado agosto os departamentos do sur de Haití (Sur, Grand’Anse, Nippes e Noroeste). Segundo os últimos datos dispoñibles, das 1.017 escolas existentes nos departamentos afectados polo sismo, 171 están destruídas e 567 parcialmente colapsadas.

As avaliacións levadas a cabo por UNICEF Haití revelaron un aumento do risco de trata e tráfico de nenos e nenas tras o terremoto do 14 de agosto, así como un incremento das probabilidades de que se produzan situacións de violencia de xénero e de explotación, así como de abusos sexuais que afecten as persoas en situación de vulnerabilidade, incluídas as mulleres, as nenas e as persoas con discapacidade.

Para UNICEF é urxente e prioritario garantir o acceso á educación do maior número de nenas, nenos e adolescentes en Haití, nun marco de protección e inclusión. No programa de resposta á emerxencia, UNICEF España chegará, co apoio de doantes públicos ou privados, a 840 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, estudantes de 23 escolas seleccionadas.

“A escola, ademais de ser un espazo de educación, proporciona unha contorna segura para os nenos e nenas, protexéndoos da violencia e o abuso sexual, especialmente, en situacións de emerxencia como a actual. Neste sentido, existe unha necesidade urxente de garantir a rehabilitación destas escolas danadas e/ou destruídas, e dotalas das subministracións necesarias para o seu correcto funcionamento”, sinalou a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito.

A contribución á que se comprometeu hoxe a Xunta de Galicia supón unha achega extraordinaria ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta e UNICEF o pasado abril, que ten como obxectivo salvar e protexer á infancia en situacións de emerxencia e crise humanitaria.

E xa estamos a traballar xuntos para conseguilo!