Actuamos en Uganda para protexer á infancia máis vulnerable
Grazas ao respaldo da Xunta de Galicia, UNICEF reforza a súa intervención en Napak, unha das zonas máis afectadas pola pobreza e a trata infantil.

© UNICEF/UNI813708/Abdul
23/10/2025
Co apoio da Xunta de Galicia, intensificamos o noso labor en Uganda para protexer a nenas, nenos e adolescentes que viven en condicións moi difíciles.
O proxecto desenvólvese en Napak, unha zona da rexión de Karamoja onde moitas familias enfrontan pobreza extrema. O obxectivo principal é previr a trata infantil, a violencia e o abuso , traballando directamente coas comunidades e mellorando os servizos que atenden á infancia.
Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración coas autoridades locais , o que permite mellorar a coordinación entre os servizos e recursos, aplicar de forma máis eficaz as políticas de protección infantil e deseñar respostas adaptadas ás necesidades reais do territorio.
Grazas a esta cooperación, chégase a zonas que antes non recibían axuda, garantindo que máis nenas e nenos teñan acceso a apoio e protección.
Karamoja: a infancia necesita axuda urxente
A situación en Karamoja é preocupante. Aínda que se realizaron esforzos importantes, moitas familias seguen vivindo en condicións moi duras. Falta comida, hai poucas escolas e cada vez rexístranse máis casos de trata infantil.
En Napak, case o 86% dos nenos e nenas vive en situación de pobreza, o que significa que non teñen acceso a servizos básicos como saúde, educación ou seguridade.
As causas desta realidade son diversas e están conectadas. A pobreza extrema obriga a moitas familias para tomar decisións difíciles, como enviar ás súas fillas e fillos a traballar ou a casar sendo aínda menores de idade. Ademais, nalgunhas comunidades seguen presentes prácticas daniñas como a mutilación xenital feminina, que afecta as nenas. Tamén hai migracións temperás, traballo forzado e unha normalización da violencia que agrava aínda máis o panorama.
Accións para protexer e acompañar
O proxecto enfócase na acción directa coas persoas que viven e traballan nas comunidades. Desenvólvense actividades con familias, adolescentes e profesionais locais para previr o abuso, a violencia e a trata. Algunhas das accións inclúen obradoiros para nais e pais, formación para adolescentes sobre habilidades para a vida, e capacitación para quen traballa en saúde, educación ou protección infantil, incluíndo a líderes comunitarios.
Ademais, garantimos que nenas e nenos poidan acceder a servizos especializados, como apoio psicolóxico e atención en saúde mental. Estes servizos son fundamentais para axudarlles a superar experiencias difíciles e recuperar o seu benestar. O enfoque comunitario busca non só protexer, senón tamén apoderar ás persoas para que poidan identificar riscos, actuar a tempo e construír contornas máis seguras para a infancia.
Un compromiso que cruza fronteiras
Este proxecto forma parte de iniciativas nacionais e internacionais que loitan contra a violencia de xénero e promoven os dereitos da infancia. Enmárcase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, e está aliñado co V Plan Director da Cooperación Galega 2023–2026, así como coa Estratexia de Acción Humanitaria da Cooperación Española.
Ademais, contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente ao ODS 5, que promove a eliminación de todas as formas de violencia contra mulleres, nenas e nenos.
UNICEF traballa en máis de 190 países e territorios para chegar a quen máis o necesitan. Desde Galicia, este compromiso tradúcese en accións concretas que transforman vidas, co obxectivo de construír un mundo máis xusto, seguro e cheo de oportunidades para toda a infancia.