Outro fito vergonzoso: un millón de nenos refuxiados de Sirya

Por António Guterres, Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados e Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF


Hoxe, outro neno sirio cruzou a fronteira, fuxindo do horror dunha guerra que se encontra no seu terceiro ano de destrución.


E nese momento alcanzamos un fito global vergonzoso. Este era o millonésimo neno forzado a fuxir de Sirya dende que empezou o horror.

 
 
Imaxina ese neno. Proveniente dunha comunidade que está baixo a liña de lume. Camiñando, en ocasións durante días, en busca de seguridade. Despois, no exilio, obrigado a vivir nunha tenda de campaña ou nunha choupana ou nunha tenda abandonada coa súa familia -se é que seguen tendo unha. Dependendo do apoio das axencias humanitarias internacionais para sobrevivir. Torturado polos recordos deste terrible conflito, vulnerable á explotación, marcado polo trauma dunha infancia que foi testemuña de cousas que ningún neno debería ver.

Esas cicatrices aparecen en forma de perda do fala, interrupción do sono e comportamento agresivo. A presión financeira pode levar os pais a mandar os seus fillos a traballar en lugar de ir á escola, ou, se é unha nena, a casala a unha idade temperá. Este neno podería estar só, separado do resto da súa familia durante a fuxida. Ou quizais el ou ela convértense, de súpeto, no cabeza de familia, con irmáns máis pequenos ao seu cargo.

Agora imaxina o futuro dese neno, e o futuro de todos eses nenos inocentes atrapados no medio do terror. Privados de poder ir á escola -privados, de moitas maneiras, da súa infancia. Como se van recuperar, e mesmo desenvolverse algún día, para apoiar as súas familias e contribuír á súa sociedade?

Moitos destes nenos están cabreados pola difícil situación que están a soportar. É triste para eles e perigoso para a rexión. Porque son nenos e mozos cuxa ira e frustración probablemente reproducirán, na seguinte xeración, as divisións e os odios de hoxe.
 
Esa é unha razón pola que, a principios deste ano,ACNUR e UNICEF advertiron de que toda unha xeración está en risco en Sirya. Hoxe repetimos esa alerta.

Máis da metade dos refuxiados que foxen de Sirya son nenos. Estamos a facer todo o posible para axudar a todos e cada un deles, as súas familias e as comunidades que os acollen. Tamén traballamos paralevar axuda aos 3 millóns de nenos vulnerables que están en especial risco dentro de Sirya. Xunto aos aliados das organizacións no e os grupos da sociedade civil, seguimos traballando para satisfacer as necesidades urxentes nos campos de refuxiados e para axudar ás xenerosas familias de acollida dos países veciños.

Só este ano, dentro e fóra de Sirya, máis de 10 millóns de persoas recibiron auga potable. Uns 2 millóns de nenos foron vacinados contra enfermidades mortais. Máis de 250.000 nenos puideron acceder a algunha forma de educación. Case 170.000 recibiron atención psicosocial. Rexistramos miles de nenos -dándolles unha identidade-, e axudado aos nenos acabados de nacer no exilio para que poidan obter certificados de nacemento, evitando así que se convertan en apátridas. Xa sexa en campamentos, pobos ou cidades, a maioría vive en refuxios básicos pero seguros.

Pero as necesidades están a crecer máis rápido que a nosa capacidade para responder á difícil situación de todos estes nenos. O plan de resposta rexional de refuxiados de Sirya obtivo, ata a data, menos do 40% dos fondos necesarios.

Os nenos sirios necesitan a acción daqueles que fan posible que as axencias humanitarias que estamos en Sirya poidamos chegar de forma segura e rápida aos máis afectados. E tamén a acción dos doadores - tradicionais e novos - que, ademais da súa continua xenerosidade, son chamados a facer aínda máis, para que as organizacións humanitarias poidamos aliviar o sufrimento existente. Pero máis que nada, estes nenos merecen a acción daqueles que teñen o poder de poñer fin de inmediato a este conflito e de rematar con todo o sufrimento causado.
 
Un millón de nenos. Un millón.
 

Seguro que os que participan nos combates, e todos os que teñen a capacidade de influencia para detelo, estarán de acordo en considerar que un millón de nenos refuxiados son demasiados. Eles teñen os medios, e polo tanto unha responsabilidade particular de poñer fin a este horror.