Motivos para celebrar

Post de Blanca Carazo, Responsable de Proxectos de Cooperación de UNICEF España

Hoxe, 22 de marzo, celebramos o Día Mundial da Auga. Pregúntome que podemos "celebrar"? E ocórrenseme moitos motivos de celebración.

Paga a pena celebrar que cada vez que nunha comunidade da India se instalou unha rede de auga, un neno descubriu o milagre de abrir unha billa e ver saír ese líquido incoloro que pode salvar vidas.

Paga a pena celebrar que cada vez que unha comunidade de Níxer puxo en marcha por primeira vez a bomba dun novo pozo, unha nena cambiou dúas horas de camiño para recoller auga dun regueiro por un pupitre na escola, e a ameaza da cólera se afastou de moitas familias.  

Paga a pena celebrar que cada vez que se inaugurou un punto de auga e uns bloques delatrinas nunha escola de Sudán, unha nena encontrou a intimidade necesaria para non abandonar os estudos.

Hai pouco soubemos que se alcanzou a "meta da auga" dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, é dicir, que se reduciu á metade a proporción de persoas sen acceso a unha fonte mellorada de auga potable (antes do 2015!). Este ano 2.000 millóns de persoas máis que en 1990 teñen agora acceso a auga. E ese é un gran motivo para celebrar. E é tamén un motivo para seguir traballando dende UNICEF, para que o dereito á auga sexa unha realidade para todos os nenos e nenas; sobre todo para os 783 millóns de persoas que aínda non o teñen.