Mauritania: a única aspiración dunha nai é que os seus fillos sobrevivan

Por Diana Valcárcel, Coordinadora de Proxectos de Comunicación, UNICEF ESPAÑA

Despois dun longo viaxe atravesando 600 quilómetros de deserto chegamos onte a Kiffa, unha cidade ao sur do país e a terceira máis poboada. Nada máis saír da capital: as dunas, unha area vermella preciosa e os primeiros camelos. Máis adiante a planicie con pequenos arbustos sobre a area unhas veces máis avermellada, outras máis branca.

Suponse que a tempada de chuvias é de xuño a agosto, pero este ano as perspectivas non son boas. Vexo animais mortos ao bordo da estrada. Polo que nos contan, non é anormal nesta tempada do ano, pero coa seca empeorou a situación e morren moitos máis pola falta de pasto; algunhas vacas comen pedras que as matan. É un panorama desolador.

Comezamos o día en Boughadoom, unha aldea a uns 30 quilómetros de Kiffa na que se vai levar a cabo unha campaña de prevención contra a desnutrición. Trátase da repartición de alimento suplementario para todos os nenos de entre 6 e 24 meses que contén os micronutrientes e calorías necesarios para que o neno estea san. É unha pasta calorífica de aspecto marrón claro, feita de pasta de cacahuete e que se reparte en botes de 375 gramos.
  
 
A repartición lévase a cabo nunha carpa ao lado do centro de saúde da aldea. As nais e os nenos aproveitan as sombras das tres árbores que hai arredor durante a espera. Achégome a falar cunha delas. Chámase Souweilike e vén cos seus tres fillos. A máis pequena, Iunma, ten un ano e é a que recibirá este apoio nutricional. "Pola seca cústame encontrar comida para os meus nenos".  
 

o medidor indica verde para Iunma

A operación comeza: repárteselles uns papeis coa súa quenda e fan cola diante da carpa. A Souweilike tocoulle o número 24, así que aproveitamos para falar durante a espera. É moi alegre, xesticula moito. Pregúntolle que lle dá de comer á súa filla, dime que pan e leite, e que se gaña a vida facendo cous cous. Xa é a súa quenda e pasa dentro da carpa.

Á nena mídenlle o perímetro do brazo que indica o seu estado nutricional: vermello sinala desnutrición aguda grave, amarelo, desnutrición moderada e verde que o neno está ben. O perímetro do brazo de Iunma marca verde, o que non quere dicir que non estea exposta a sufrir desnutrición. A súa nai xa nos contou o reto diario de encontrar algo que levar á boca aos seus fillos.

Impresióname ver aos lugares tan remotos aos que UNICEF chega para previr que haxa máis nenos que morran e para apoiar os máis vulnerables. E non só impresióname onde chega senón o compromiso, o esforzo e a enorme profesionalidade coa que o fai. 
 
En Boughadoom repartirase alimento para 159 nenos, pero en toda a rexión esta campaña alcanzará 70.000 nenos. A campaña está organizada polo Ministerio de Saúde, e UNICEF apóiaa coa provisión do alimento suplementario e co traballo de formación técnica e seguimento que fai co persoal de saúde.

O enfermeiro dálle a Souweilike unha tarxeta e pasa á mesa onde anotan os datos da nena e a entregan o alimento suplementario en 4 botes. Teralle que dar unha cullerada sopeira tres veces ao día durante un mes. Algo que probablemente salve a Iunma da desnutrición. "Para os meus fillos só pido que estean sans e que non teñan enfermidades", di antes de despedirse. Non pide grandes cousas: só que os seus fillos sobrevivan.