Case 250.000 nenos xa recibiron tratamento contra a desnutrición aguda grave no Sahel

Aínda son necesarios fondos para poder chegar a todos os nenos afectados por esta crise nutricional

Nun chamamento feito público hoxe, UNICEF sinala que durante os catro primeiros meses deste ano case 250.000 nenos menores de cinco anos con desnutrición aguda grave recibiron tratamento no Sahel, como parte do traballo da organización para facer fronte á emerxencia nutricional da rexión.

UNICEF calcula que ao longo deste ano polo menos 1,1 millóns de nenos necesitarán tratamento, polo que incrementou a 5.200 o número de centros de tratamento especializados para facer fronte á crise en nove países. O maior agravamento nas necesidades dos nenos producirase nos próximos tres meses, porque a rexión está agora no período de maior seca e aridez do ano. O conflito en Malí, que obrigou 170.000 persoas a fuxir dos seus fogares cara a tres países veciños, está a crear novas necesidades e problemas para garantir o acceso seguro da axuda. Outras 167.000 persoas víronse obrigadas a desprazarse a outras partes do país.UNICEF necesita con urxencia máis fondos para prestar asistencia aos nenos e mulleres que sofren dificultades extremas na rexión do Sahel, en África, que están baixo a ameaza de enfermidades como a cólera e son vítimas da crise provocada polos desprazamentos de Malí.  

Para o que queda de ano, UNICEF necesita 146 millóns de dólares (116,45 millóns de euros) para seguir traballando nunha resposta completa e integrada ás necesidades da crise nutricional, da emerxencia de Malí e a ameaza da cólera e outras epidemias. Ata o momento conseguíronse 93 millóns de dólares (74,04 millóns de euros) para o traballo de emerxencia de UNICEF na rexión. "Non hai dúbida de que os fondos conseguidos a principios deste ano nos axudaron moito para estar preparados e salvar vidas", dixo o Director de UNICEF para África Occidental e Central, Manuel Fontaine. "En todo o Sahel, estamos a facer fronte a múltiples necesidades para salvar vidas e axudar aos nenos, e a crise de Malí puxo máis nenos en perigo. Ata o momento, recibimos fondos principalmente para a resposta inmediata en nutrición. Pero a falta de fondos para o resto do traballo vital impídenos facer todo o que podemos polos nenos e os seus pais neste momento de gran necesidade", dixo.UNICEF ten como obxectivo dar unha resposta integrada que teña en conta as necesidades máis urxentes.

Os nenos do norte deMalí están claramente en risco de abusos, de acceso á educación e por recrutamento en grupos armados. É necesario fomentar o apoio en educación nos nove países afectados pola crise nutricional porque os nenos das comunidades máis angustiadas están a abandonar a escola. É preciso realizar campañas de vacinación para previr epidemias. No que vai de ano, máis de seis millóns de nenos foron vacinados contra o sarampelo e máis de nove millóns recibiron mosquiteiras tratadas con insecticida para reducir o risco de malaria. As medidas deben poñerse en marcha antes das chuvias para evitar brotes de cólera, xa que a enfermidade é endémica en moitas zonas afectadas pola crise. Segundo Nacións Unidas, preto de 18 millóns de persoas están afectadas pola seca e pola crise alimentaria en nove países.UNICEF advertiu en decembro de 2011 de que entre 1 e 1,5 millóns de nenos necesitarían tratamento contra a desnutrición aguda grave para salvar as súas vidas.

###

Nota para redactores

A crise alimentaria do Sahel e os traballos de emerxencia de UNICEF abranguen todos os territorios de Burkina Faso, Gambia (incluído a principios deste ano), Malí, Mauritania, Níxer, a franxa do Sahel en Chad e nas rexións do norte de Camerún, Nixeria e Senegal.

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55  [email protected]