Convención sobre os Dereitos do Neno

QUE É A CONVENCIÓN?

Turcomenistán, 2006: unha nena chinesa realiza unha danza de abanos en Turcomeni

Turcomenistán, 2006: unha nena chinesa realiza unha danza de abanos en Turcomenistán durante unha reunión internacional de nenos para promover a cultura e a paz.

A Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) é o primeiro instrumento internacional que recoñece os nenos e nenas como axentes sociais e como titulares activos dos seus propios dereitos.

O texto foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 e entrou en vigor o 2 de setembro de 1990. 

Os seus 54 artigos recollen os dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos de todos os nenos. A súa aplicación é obriga dos gobernos, pero tamén define as obrigas e responsabilidades doutros axentes como os pais, profesores, profesionais da saúde, investigadores e os propios nenos e nenas. 

A CDN é o tratado internacional coa máis ampla ratificación da historia. Os países que o ratificaron,193, teñen que render contas sobre o seu cumprimento ao Comité dos Dereitos do Neno. Trátase dun comité formado por 18 expertos no campo dos dereitos da infancia, procedentes de países e ordenamentos xurídicos diferentes. 

A Convención ten dous protocolos que a complementan. O protocolo relativo á venda de nenos e a prostitución infantil e o protocolo relativo á participación dos nenos en conflitos armados. 

A SÚA RAZÓN DE SER: Garantir a protección e o desenvolvemento DOS NENOS

Aínda cando numerosos países posúen leis que protexen a infancia, moitos non as cumpren. Para os nenos, e en especial para os grupos excluídos ou minoritarios, isto significa a miúdo vivir en situacións de pobreza, sen fogar, sen protección xurídica, sen acceso á educación, en situacións de abandono, afectados por enfermidades que se podían previr, etc.

A Convención recoñece claramente o dereito de todos os nenos e nenas (menores de 18 anos) a un nivel de vida axeitado. E é un tratado xuridicamente vinculante, ou o que é o mesmo de obrigado cumprimento.

A historia da convención

En 1959, Nacións Unidas aprobou unha Declaración dos Dereitos do Neno que incluía 10 principios. Pero non era suficiente para protexer os dereitos da infancia porque legalmente non tiña carácter obrigatorio.

Por iso en 1978, o Goberno de Polonia presentoulle a Nacións Unidas a versión provisional dunha Convención sobre os Dereitos dos Nenos.

Tras dez anos de negociacións con gobernos de todo o mundo, líderes relixiosos, ONG, e outras institucións, logrouse aprobar o texto final da "Convención sobre os Dereitos do Neno”, o 20 de novembro de 1989, cuxo cumprimento sería obrigatorio para todos os países que a ratificasen.

A Convención converteuse en Lei en 1990, despois de ser asinada e aceptada por 20 países, entre eles España.

Hoxe, a CDN xa foi aceptada por todos os países do mundo, agás dous: Somalia e Estados Unidos.