Por unha Recuperación con Rostro Humano

Esta publicación de síntese, baseada nunha serie de análise de situación de UNICEF sobre a crise global, achega evidencias sólidas procedentes de todo o mundo, tanto en países desenvolvidos coma en desenvolvemento, que demostran que os grupos vulnerables non foron tidos en conta como merecen, antes da crise e durante os sucesivos choques económicos sufridos no último lustro, a pesar das súas necesidades críticas. A partir de evidencias contrastadas sostense que existen políticas públicas alternativas para aumentar a marxe de manobra fiscal, tanto polo lado do ingreso coma do gasto público, co fin de promover unha recuperación económica socialmente responsable, mesmo nos países pobres.

As achegas preséntanse en tres planos complementarios: a) un reconto das principais características da crise económica global, resaltando as súas consecuencias sociais inequitativas e as vías de transmisión a escala nacional e familiar; b) unha identificación das maiores ameazas da crise e dos riscos que implican para a infancia e as familias pobres; c) unha proposta sobre como mobilizar apoios e vontade política para poñer en práctica opcións viables de políticas públicas alternativas co fin de promover unha recuperación equitativa que permita saír da crise e avanzar cara a unha prosperidade inclusiva e sostible.

Unha das principais conclusións é que as políticas de control presupostario que teñen en conta de forma explícita as necesidades en materia de saúde, nutrición, educación, emprego e vivenda dignos dos grupos de poboación máis vulnerables, serán máis axeitadas para protexer e promover o benestar humano que aqueles plans que ignoran ou consideran de forma secundaria ou residual estas necesidades básicas.