As vidas dos nenos en xogo a medida que O Neno se intensifica
Uns 11 millóns de nenos están en risco de sufrir os efectos da fame, enfermidades e falta de auga en África oriental e meridional debido á intensificación do Neno; este fenómeno está tamén causando secas e inundacións en zonas de Asia, o Pacífico e América Latina, advertiu hoxe UNICEF.
As consecuencias poderían ter
efecto mesmo en xeracións futuras se as comunidades afectadas non
reciben apoio para afrontar as malas colleitas e a falta de acceso
a auga potable, que están a deixar aos nenos desnutridos e en risco
de sufrir enfermidades mortais, segundo dixo UNICEF nunha nota
informativa.
Ademais do risco inmediato de que
o fenómeno cause danos e provoque a morte, O Neno podería ocasionar
un aumento significativo de enfermidades como a malaria, o dengue,
a diarrea e o cólera, as principais causas da mortalidade infantil.
Cando as condicións meteorolóxicas extremas privan ás comunidades
dos seus medios de subsistencia, os nenos pequenos adoitan sufrir
desnutrición; o que agrava o risco de contraer enfermidades, atrasa
o desenvolvemento mental e causa a morte prematura.
"Os nenos e as súas comunidades
necesitan a nosa axuda para recuperarse dos efectos do Neno e para
prepararse ante as posibles consecuencias que podería provocar",
dixo o director executivo de UNICEF, Anthony Lake. "Ao mesmo tempo,
a súa intensidade e potencial capacidade de destrución debería ser
unha chamada de atención para os líderes mundiais que se van a
reunir en París. Mentres debaten sobre o acordo para limitar o
quecemento global, deben lembrar que está en xogo o futuro dos
nenos de hoxe e do planeta que van herdar".
Os líderes mundiais reuniranse en
París durante a 21ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio
Climático, coñecida como COP21, entre o 30 de novembro e o 11 de
decembro. O obxectivo é alcanzar un acordo universal e vinculante
para limitar o quecemento global mediante a redución de emisión de
gases de efecto invernadoiro.
Os fenómenos do Neno non están
causados polo cambio climático, pero os científicos cren que son
cada vez máis intensos como resultado deste. Moitos dos países que
están a sufrir os efectos do Neno enfróntanse tamén ás maiores
ameazas do cambio climático. Ademais moitas das zonas afectadas
teñen altos niveis de pobreza.
O fenómeno meteorolóxico, un dos
máis graves que se rexistran, podería causar máis inundacións e
secas, xerar tifones e ciclóns no Pacífico e afectar a máis zonas
se, tal como prevese, segue intensificándose nos próximos
meses.
Algúns dos países máis
afectados polo Neno son:
Somalia: máis de
3 millóns de persoas necesitan apoio debido ás malas colleitas e a
escaseza de alimentos. Prevense graves inundacións que poderían
empeorar a situación.
Etiopía: o país
sofre a súa peor seca en 30 anos, que causou que 8,2 millóns de
persoas sufran inseguridade alimentaria e 350.000 nenos necesiten
apoio nutricional.
Indonesia: O
Neno tamén agravou o efecto dos incendios dos xacementos de turba e
dos bosques. Só en agosto e setembro, o fume causou infeccións
respiratorias agudas a 272.000 persoas, especialmente nenos.
Nacións do
Pacífico: O Neno ameaza con deixar a máis de 4 millóns de
persoas sen alimentos nin auga potable.
Centroamérica: a
seca causada polo Neno é unha das máis graves rexistradas, con 3,5
millóns de persoas afectadas en Guatemala, Honduras e O
Salvador.
Perú: uns 1,1
millóns de persoas, entre elas 400.000 nenos e adolescentes,
poderían sufrir os efectos do Neno, segundo o goberno.
Ecuador: as
autoridades cren que 1,5 millóns de persoas están en risco, preto
da metade nenos.
O Neno é un fenómeno climático
relacionado co quecemento das augas superficiais do Océano
Pacífico, que pode ter un profundo efecto nas tendencias
meteorolóxicas de todo o mundo. Os fenómenos relacionados co Neno
adoita ocorrer cada dous a sete anos.