Vacinación para 3 millóns de nenos nos países afectados por ébola
Por primeira vez dende o inicio do brote de ébola, Guinea, Liberia e Serra Leoa están a levar a cabo importantes campañas de vacinación a nivel nacional para protexer millóns de nenos contra enfermidades previbles pero potencialmente mortais.
Con motivo da Semana Mundial da Vacinación, do 24 ao 30 de abril,
os tres países máis afectados
polo ébola pretenden
vacinar a máis de tres millóns de nenos contra enfermidades como o
sarampelo e a poliomielite a través de campañas
que UNICEF apoia
proporcionando vacúas, formación e despregando miles de equipos de
vacinación.
"Mentres continúan os esforzos para chegar a cero casos
de ébola,
é fundamental que os servizos básicos de saúde sexan
restablecidos", dixo Manuel
Fontaine,
director rexional de UNICEF para
África Occidental e Central. "A intensificación dos programas de
vacinación, interrompidos pola epidemia, vai salvar vidas e evitar
un retroceso en materia de saúde respecto aos progresos conseguidos
nestes países antes do brote".
En Serra Leoa comeza hoxe unha semana centrada na saúde de nais e
fillos coa subministración de vitamina A,
pastillas para desparasitar e
probas para detectar desnutrición. Máis de 10 mil vacinadores e
distribuidores irán porta por porta en todo o país, ofrecendo
actualizacións das doses de vacinación para nenos de 0-23 meses que
viron interrompidas as súas vacinas rutineiras. En maio terá lugar
unha campaña de vacinación contra o sarampelo e a poliomielite para
1,5 millóns de nenos menores de cinco anos.
En Guinea o 18 de abril púxose en marcha unha campaña nacional
contra o sarampelo para 1,3 millóns de nenos de entre seis meses e
nove anos. Uns 100.000 nenos foron vacinados durante unha primeira
fase de resposta a un brote de sarampelo en
febreiro. UNICEF tamén
levou a cabo campañas de sensibilización na comunidade para
informar a poboación sobre a seguridade das
vacinas.
En Liberia está prevista unha campaña para vacinar contra o
sarampelo e a poliomielite máis de 700.000 nenos menores de cinco
anos entre o 8 e o 14 de maio. UNICEF subministrou
máis de 750.000 doses de vacinas contra o sarampelo e xunto cos
seus aliados está a ofrecer formación a máis de 3.000 vacinadores e
traballadores da saúde da zona. Tamén está a traballar co goberno
de Liberia para dar a coñecer a campaña á
sociedade.
Como as campañas de vacinación se están a levar a cabo mentres se
mantén a ameaza de ébola,
os vacinadores están a seguir estritos protocolos que inclúen o uso
de roupa de protección como luvas e mandís, así como lavarse as
mans regularmente.
Ata o momento informouse de máis de 26.000 casos
de ébola e
10.000 mortes nos tres países, onde o brote debilitou os xa fráxiles
sistemas de saúde e interrompido as intervencións de saúde
rutineiras.