UNICEF traballa en todas as emerxencias que afectan a millóns de nenos e as súas familias

Nas últimas semanas millóns de persoas víronse afectados por diferentes emerxencias en países como Libia, Xapón, Costa de Marfil ou Exipto, o que implicou a posta en marcha de plans de emerxencia por parte do Fondo de Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF, que só o ano pasado contribuíu a paliar as consecuencias de 290 situacións de emerxencias en 98 países.  
A organización subministra axuda de emerxencia en Xapón, a fronteira entre Túnez e Libia e noutros 32 países

Madrid. Nas últimas semanas millóns de persoas víronse afectadas por diferentes emerxencias en países como Libia, Xapón, Costa de
Marfil ou Exipto, o que implicou a posta en marcha de plans de emerxencia por parte do Fondo de Nacións Unidas para a Infancia,UNICEF, que só o ano pasado contribuíu a paliar as consecuencias de 290 situacións de emerxencias en 98 países. A pesar do incremento do número de emerxencias nos últimos anos,UNICEF mantén e reforza a súa dedicación a prestar o apoio necesario en cada caso para salvar as vidas dos nenos afectados, así como para protexer os seus dereitos en calquera circunstancia, e independentemente da gravidade da situación. Durante as emerxencias, os nenos e as nenas son especialmente vulnerables ás enfermidades, a desnutrición e os casos de abuso ou violencia. O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia traballa en máis de 150 países en desenvolvemento e en 36 países industrializados, o que posibilita unha rápida actuación en casos de emerxencia grazas ao traballo dos equipos que xa traballan sobre o terreo, os expertos que se desprazan en función das características de cada emerxencia e grazas tamén ao almacenamento, con carácter preventivo, de materiais e subministracións que son distribuídas con inmediatez tan pronto como se declara unha emerxencia.

En toda crise humanitaria, UNICEF avalía as consecuencias para identificar as necesidades dos afectados, especialmente dos nenos, e determina que accións se deben levar a cabo, que expertos se deben desprazar, e os equipamentos e subministracións necesarias para unha actuación efectiva. A resposta de emerxencia de UNICEF forma parte dun Plan coordinado das Nacións Unidas, que elabora co goberno do país afectado e cos colaboradores de UNICEF en cada país. Este ano UNICEF está a centrar gran parte dos seus esforzos na xestión de 32 emerxencias abertas en países como Haití, Iraq, Afganistán ou a República
Democrática do Congo, que afectan a millóns de nenos e as súas familias. A estas emerxencias, recollidas no informe Acción Humanitaria para a Infancia, sumáronse nas últimas semanas a crise de Libia, o terremoto e tsunami de Xapón e o conflito de Costa de Marfil. Situacións que esixen unha rápida resposta humanitaria como a que se brinda na fronteira entre Libia e Túnez, onde a organización xa distribuíu 47 toneladas de axuda, ou en Paquistán, onde ata o momento se subministraron materiais de emerxencia para 2,8 millóns de persoas. En Xapón, ademais de ofrecer asesoramento ás autoridades,UNICEF fixo chegar esta semana 10 toneladas de auga, 200.000 xogos de roupa interior e materiais educativos e de xogo e deporte. Mentres tanto, en Exipto, o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia brinda apoio psicosocial aos nenos afectados polas revoltas.
  

Para poder contribuír ao financiamento de todas as emerxencias, UNICEF España mantén aberto o seu Fondo de Emerxencias, a través do cal todos aqueles
interesados poden achegar fondos ao longo de todo o ano, de forma que, sempre que se produza unha crise humanitaria, se poderá contribuír coas achegas realizadas: Para máis información sobre as emerxencias vixentes no mundo:
  

Crise de Libia

Xapón

Costa de Marfil

Haití

Paquistán

Informe Acción Humanitaria para a Infancia
 

Fondo de Emerxencias de UNICEF España:

Caja Madrid. Conta corrente: 2038-1043-12-6000876692

Acerca de UNICEF

UNICEF traballa no terreo en máis de 150 países e territorios para tratar de garantir aos nenos e as nenas o dereito a sobrevivir e a desenvolverse dende a primeira infancia ata a adolescencia. UNICEF, que é o maior provedor de vacinas para os países en desenvolvemento, traballa para mellorar a saúde e a nutrición da infancia; o abastecemento de auga e saneamento de calidade; a educación básica de calidade para todos os nenos e nenas e a protección dos nenos e as nenas contra a violencia, a explotación e o VIH/SIDA.UNICEF está financiado na súa totalidade polas contribucións voluntarias de individuos, empresas, fundacións e gobernos.

Más información:

Para máis información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España

Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

www.unicef.es
www.facebook.com/unicef.es
twitter.com/unicef_es