UNICEF: a revisión dos procedementos de asilo da UE debería ofrecer unha mellor protección para os nenos afectados pola crise de persoas migrantes e refuxiadas en Europa

Mentres a Unión Europea prepárase para as conversacións decisivas sobre as normas que rexen as solicitudes das persoas que buscan protección en Europa, UNICEF insiste en que os intereses e dereitos dos nenos teñan aínda maior prioridade.

Nos próximos días, 28 estados membros da UE e o Parlamento Europeo empezarán examinando un borrador de proposta presentado pola Comisión Europea para reformar o chamado Regulamento de Dublín. As novas normas determinarán que Estado será responsable de considerar unha solicitude de protección internacional que fose presentada en calquera sitio da UE.
 
O debate xorde no medio da crise de refuxio e migración que excedeu a capacidade do sistema de xestión das peticións de asilo, deixando o destino de máis de 400.000 nenos que solicitaron asilo en Europa entre xaneiro e novembro de 2015 na balanza.
 
"Este debate é unha oportunidade para reforzar as garantías que o Dereito Internacional recoñece aos nenos que buscan asilo en Europa", dixo Noala Skinner, directora da oficina de UNICEF en Bruxelas. "Para que o sistema de asilo común en Europa sexa humano, xusto e eficiente, a protección dos nenos debe ser unha prioridade central".
 
Entre as medidas que defende UNICEF están:
 
-        Axilizar a toma de decisións para evitar expoñer aos nenos a situacións de risco: baixo o actual Regulamento de Dublín, poden pasar ata 11 meses desde a chegada do menor, ata o seu traslado ao Estado que vai estudar a súa solicitude. Este período tan longo podería dificultar a reunificación familiar e poñer ao menor en varias situacións de risco. UNICEF recomenda un prazo de 3 meses.
 
-        Garantir o acceso rápido á información sobre o asilo: Os estados teñen que garantir que todos os nenos, estean ou non acompañados por familiares reciben en 72 horas información adaptada sobre o seu dereito para pedir protección internacional e como ter acceso.
 
-        Harmonizar a aplicación do principio do interese superior do neno para cada menor non acompañado e separado. Isto significaría que todos os Estados apliquen o mesmo criterio (tal como a seguridade e benestar do menor) ao estudar unha solución duradeira para o neno. As opinións do neno e os seus puntos de vista deberían de ser tidos en conta durante todo o proceso.
 
-        Poñer a disposición máis recursos e profesionais para asegurar que os titores legais sexan inmediatamente asignados e así  protexer, orientar e apoiar de maneira adecuada ao menor non acompañado ou separado.
 
-        Buscar alternativas á detención: ningún neno debería de ser detido mentres espera o seu traslado a outro estado, ou que mentres se designa o seu titor legal, ou recibe un aloxamento adecuado. UNICEF insta o uso de alternativas que non priven da liberdade aos nenos e familias solicitantes de protección internacional.

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]