UNICEF pide unha acción ambiciosa ante o cambio climático: "Os nenos xulgarannos, e deben facelo"

Os nenos xa están a pagar un alto prezo debido á inacción do mundo ante o cambio climático, segundo UNICEF.

"O futuro dos nenos de hoxe, especialmente dos máis desfavorecidos, está en xogo", dixo o director executivo de UNICEF, Anthony Lake, durante a súa intervención nun evento da 21ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, coñecida como COP21. "Desgraciadamente, estamos a fallarlles. Porque hoxe os nenos están a sufrir de maneira desproporcionada as consecuencias do noso clima cambiante. Están a pagar o noso fracaso coa súa saúde e a súa seguridade. Cos seus futuros. E, demasiado a miúdo, coas súas vidas".
 
O informe de UNICEF A menos que actuemos agora - O impacto do cambio climático nos nenos, sinala que o cambio climático produce máis secas, inundacións, ondas de calor e outras condicións meteorolóxicas graves. Isto provoca que se propaguen máis algunhas das principais causas da mortalidade infantil, como a desnutrición, a malaria e a diarrea. Segundo este informe, máis de 500 millóns de nenos viven en zonas onde as inundacións son moi frecuentes, e por tanto están altamente expostos ao cambio climático. Moitos destes nenos están en países cuxos niveis de pobreza son altos.
 
"Non podemos permitir que a nosa inacción colectiva ante o cambio climático perpetúe un círculo vicioso que condena aos nenos máis desfavorecidos a vivir sen esperanza, a mercé de desastres fóra do seu control", dixo Lake.
 
Ademais da redución das emisións, hai que reducir as desigualdades entre os nenos, afirmou Lake, en alusión á necesidade de investir en saúde, en servizos esenciais e infraestrutura básica que resista aos desastres relacionados co cambio climático.
 
"O camiño que o mundo escolla aquí en París marcará o futuro da humanidade", engadiu Lake. "A Historia xulgaranos. E o que é máis importante, os nosos nenos xulgarannos -e deberían facelo- pola nosa xestión do planeta que herdarán".
 
Lake interveu nun evento organizado xunto coa Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), no que a sociedade civil e mozas debateron sobre as maneiras de reducir o impacto dos riscos climáticos nos nenos máis vulnerables.
 
Nota aos editores:

No evento houbo outros relatores: Gabriela Ramos, Xefa de Persoal e Asesora do G20 na OCDE; Tatiana Natalie Kondo, Parlamentaria Junior no distrito de Harare Este (Zimbabue); Bill McKibben, fundador de 350.org; e Guillermo Kerber, directivo do coidado da creación e a xustiza climática, do Consello Mundial de Igrexas. A ministra de Medio Ambiente de Nixeria, Amina J. Mohammed, moderou os debates. 

Más información:

Patrick Moser, UNICEF Nova York, [email protected]; + 1 212 326 7120 

Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]