UNICEF necesita de forma urxente fondos para frear a espiral de morte do ébola

A organización fixo un chamamento de 154 millóns de euros para protexer do virus os 8,5 millóns de nenos que viven nas zonas afectadas de Guinea, Serra Leoa e Liberia

UNICEF afirmou hoxe que necesita 154 millóns de euros para responder á crise do ébola que se levou por diante máis de 2.400 vidas e asolou comunidades enteiras en África occidental. Este chamamento forma parte dunha petición máis ampla de seis meses de duración co fin de recadar os 763 millóns de euros que gobernos e axencias humanitarias necesitan para combater a enfermidade.

"O ébola está a matar persoas e compromete o futuro", dixo Afshan Khan, a directora de programas de emerxencia de UNICEF. "Está a pechar escolas, destruíndo o sistema sanitario e ameazando o tecido social das comunidades. Estamos ante unha crise de enormes proporcións".


Dos 154 millóns, uns 50 millóns destinaranse aos programas de UNICEF en Liberia; ao redor de 47 millóns aos de Serra Leoa; e máis de 42 millóns a programas en Guinea. Uns 8 millóns servirán de apoio aos países veciños para prepararse ante unha posible propagación do virus dentro das súas fronteiras. Os 7 millóns restantes reservaranse para o traballo de coordinación a nivel rexional.
UNICEF calcula que 8,5 millóns de nenos e mozos menores de 20 anos viven en zonas afectadas poloébola en Guinea, Serra Leoa e Liberia; 2,5 millóns deles son menores de cinco anos.


Mentres o ébola continúa coa súa espiral de morte,UNICEF reforzou a súa resposta traballando coas comunidades para concienciar sobre a enfermidade e proporcionando subministracións de hixiene básica dende os primeiros días do brote. A organización, presente en todos os países afectados, actúa contra o reloxo para proporcionar subministracións básicas e información sobre como poden protexerse as familias das comunidades afectadas.


Algúns exemplos dos esforzos que UNICEF e os seus aliados están a levar a cabo:

 

. Transportar por vía aérea 544 toneladas métricas de subministracións de hixiene, equipos de protección e medicinas esenciais a Guinea, Liberia e Serra Leoa, co apoio do Banco Mundial, Xapón e USAID.


. Apoiar o goberno de Serra Leoa para desenvolver unha campaña de sensibilización de tres días, do 19 ao 21 de setembro, mediante a formación de voluntarios e a distribución de información precisa sobre o ébola.


. Poñer en marcha instalacións de auga e saneamento nos centros de tratamento doébola nos tres países.


. Formar a voluntarios sanitarios, profesores e outros para colaborar na difusión de información sobre o virus que pode salvar vidas.


. Traballar para evitar brotes de enfermidades distintas ao ébola e proporcionar servizos básicos a mulleres e nenos.


. Proporcionar apoio psicolóxico a nenos afectados polo ébola.


"Temos que traballar coas comunidades", dixo Khan. Podemos salvar vidas agora se cada país e cada axencia cos medios necesarios para axudar, o fai".

 
Para descargar fotografías e vídeos sobre os países afectados polo ébola: http://uni.cf/1xZAb39
 

Más información:

Belén Barbero, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55