UNICEF manifesta a súa preocupación pola saúde dos nenos migrantes e refuxiados en Europa este inverno
Os nenos que chegan ao sueste de Europa e atópanse cun duro inverno están fisicamente exhaustos, con medo, angustiados e a miúdo necesitan asistencia médica.
As temperaturas baixo cero e a
presenza de xeo e neve están a empeorar o xa de seu mal estado
físico dos nenos, xa que moitos deles non teñen roupa de abrigo ou
acceso a unha alimentación adecuada á súa idade. Esta situación
vese agravada pola falta de acubillo e por unha calefacción
insuficiente nalgúns centros de acollida, así como en autobuses e
trens.
Para UNICEF este tema é urxente,
xa que a proporción de nenos entre as persoas migrantes e
refuxiadas -máis de 1 de cada 3- continúa aumentando. Segundo
fontes nacionais, na antiga República Iugoslava de Macedonia os
nenos constituían un 37% en decembro, fronte ao 23% de setembro; en
Serbia, en decembro, o 36% das persoas refuxiadas eran nenos, en
comparación co 27% de setembro. A maioría dos nenos que pasaron en
decembro polos espazos amigos da infancia de UNICEF en Serbia eran
nenos pequenos, incluíndo bebés e nenos menores de 5 anos, e entre
5 e 9 anos.
En 2015, máis de 1 millón de
persoas refuxiadas e migrantes cruzaron o Mediterráneo e chegaron
ás costas de Europa; calcúlase que 253.700 -ou 1 de cada 4- eran
nenos.
A coordinadora especial para a
Crise de Refuxiados e Migrantes en Europa, Marie-Pierre Poirier,
dixo que os nenos son particularmente propensos ás infeccións
respiratorias, problemas dixestivos e diarrea. A falta de lactación
materna tamén pode afectar seriamente a saúde dos bebés.
UNICEF advirte de que o
intercambio de información transfronteirizo e o seguimento dos
nenos máis vulnerables seguen sendo insuficientes, sobre todo
debido á velocidade dos movementos da poboación.
Poirier dixo que UNICEF está a
comprometerse cos seus aliados e contrapartes para desenvolver
plans de continxencia que garantan unha atención eficaz a todas as
persoas en ruta, evitando que queden desprotexidas no camiño.
No últimos tres meses, UNICEF e
os seus aliados ofreceron apoio a 81.000 nenos a través dos espazos
amigos da infancia -acondicionados para soportar as condicións
invernais- na antiga República Iugoslava de Macedonia, Serbia e
Croacia. Ademais, preto de 18.000 bebés e nenos pequenos recibiron
servizos especializados a través dos espazos de UNICEF para o
coidado de nais e bebés.
No último mes UNICEF distribuíu
13.500 artigos de roupa de abrigo, mantas, cambiadores e mochilas
portabebés. En Croacia, 6.000 nenos recibiron roupa para o inverno,
do mesmo xeito que na antiga República Iugoslava de Macedonia,
mentres que en Serbia, preto de 8.000 nenos recibiron artigos
esenciais de inverno.
No mesmo período:
- Na antiga República Iugoslava de Macedonia foron atendidas 11.651 mulleres, das cales 803 estaban embarazadas. 394 mulleres e 495 nenos foron derivados aos servizos de saúde na segunda metade de decembro.
- En Serbia, 2.802 bebés foron aleitados e/ou recibiron alimentos apropiados para a súa idade, 1.508 nais recibiron apoio e orientación sobre nutrición e saúde infantil.
- En Croacia, máis de 1.200 bebés e nenos pequenos foron atendidos nos espazos para nais e bebés, e 352 nais recibiron apoio para a lactación materna.
Para acceder a fotos e vídeos:
ftp://video.unicef.es/crisis_mediterraneo/fotosinvierno
Usuario: Refcom
Contrasinal: uce442087