UNICEF: as inundacións de Paquistán destaparon unha grave crise nutricional

Seis meses despois das inundacións monzónicas que sacudiron Paquistán en 2010, UNICEF e os seus aliados están a facer fronte a un enorme reto tras os novos resultados que se obtiveron dunha análise e que mostran que na provincia de Sindh hai niveis críticos de malnutrición entre os nenos afectados polas inundacións.

Seis meses despois das inundacións monzónicas que sacudiron Paquistán en 2010, UNICEF e os seus aliados están a facer fronte a un enorme reto tras os novos resultados que se obtiveron dunha análise e que mostran que na provincia de Sindh hai niveis críticos de malnutrición entre os nenos afectados polas inundacións. Os datos dados a coñecer hoxe polo Departamento de Saúde deSindh poñen de manifesto unha crise nutricional, xa que se detectou unha taxa de Malnutrición Global Aguda (GAM nas súas siglas en inglés) do 23,1% en nenos de entre 6 e 59 meses das zonas afectadas polas inundacións no norte de Sindh, e un 21,2% no sur. Esta taxa está moi por enriba do 15% establecido pola Organización Mundial da Saúde para poñer en marcha unha resposta humanitaria. Ademais, os datos do Norte de Sindh indican que a taxa de malnutrición aguda é do 6,1%. O goberno da devandita provincia estima que preto de 90.000 nenos de entre 6 e 59 meses están desnutridos. A Malnutrición Global Aguda (GAM) indica cantos nenos están moderada ou severamente malnutridos nunha determinada poboación, e que non conseguiron os quilos necesarios para a súa estatura. A Malnutrición Severa Grave(SAM polas súas siglas en inglés) representa un avanzado estado de malnutrición aguda. Os nenos que padecen SAM necesitan ser tratados inmediatamente e teñen dez veces máis probabilidades de morrer antes de cumprir os cinco anos, que un neno saudable. Se sobreviven, o seu desenvolvemento e capacidade de aprendizaxe serán baixos, ao igual que os seus ingresos cando sexan adultos.

"UNICEF mostrou a súa preocupación por estes resultados e está a traballar en colaboración coas autoridades provinciais para atender a eses nenos. As inundacións destaparon a cara oculta da malnutrición infantil en Paquistán, aínda que o vemos como unha oportunidade para poder responder de xeito sostido beneficiando aos nenos a curto e longo prazo. UNICEF comprometeuse a traballar cos seus aliados para asegurar que as súas necesidades sexan cubertas" aseguraPascal Villeneuve, Representante deUNICEF en Paquistán. A Enquisa sobre Nutrición das Zonas Inundadas (FANS polas súas siglas en inglés) levouse a cabo nas catro provincias afectadas polas inundacións: Sindh, Punjab, Khyber Pakhtunkhwa e Baluchistan. Ten como obxectivo subministrar información actualizada sobre a situación nutricional dos nenos de entre 6 e 59 meses que viven nas comunidades afectadas polas inundacións. Os resultados daraos a coñecer proximamente o goberno de Punjab. Para responder a estes resultados, UNICEF e outros aliados en nutrición están a traballar co goberno de Sindh para levar a cabo un importante plan de resposta. Centrarase na xestión da malnutrición aguda e na prevención durante un período de 18 meses. UNICEF lidera o grupo sectorial sobre nutrición e subministra materiais, axuda técnica e formación. Tamén apoia programas sobre nutrición para que as mulleres e os nenos desnutridos se recuperen. Seis meses despois de que as inundacións monzónicas de 2010 azoutasen o país, UNICEF continúa atendendo as necesidades urxentes das persoas afectadas, a maioría das cales regresaron para buscar as súas casas e comunidades, que foron destruídas. O descenso das temperaturas durante o inverno complica a situación das familias nos campamentos e casas danadas, e obstaculiza o retorno ás rexións do norte. A resposta deUNICEF continúa adaptándose ás necesidades cambiantes dos afectados polas inundacións.

Nos seis últimos meses, dende o inicio das inundacións, UNICEF estivo a subministrar auga potable a 3,5 millóns de persoas ao día, unha cifra sen precendentes, e tamén instalacións sanitarias para máis de 1,9 millóns de persoas. UNICEFtraballou cos seus aliados para vacinar a máis de 9 millóns de nenos contra o sarampelo e a polio, e subministrar preto de 8,5 millóns de suplementos de vitamina A. Ao redor de 120.000 mulleres e nenos malnutridos participaron nos programas de alimentación. Os Centros Temporais de Aprendizaxe benefician a preto de 180.000 nenos. UNICEF estableceu 700 Espazos Amigos da Infancia para 200.000 nenos, protexéndoos de abusos, abandono e explotación.UNICEF tamén lidera os grupos sectoriais de nutrición, auga, educación e protección infantil, para asegurar unha boa coordinación de todas as accións que resulten vitais para a supervivencia, facer fronte aos problemas, maximizar os recursos e compartir información estratéxica. "Como continúa a crise polas inundacións en Paquistán e se esvaece a atención pola emerxencia, existe o perigo de que á poboación mundial se esquezan os nenos paquistanís que seguen necesitando moita axuda. Os nenos agora estanse a enfrontar ao reto de refacer as súas vidas e casas coas súas familias, o que significa que moitos terán que traballar en vez de ir á escola. Estes longos meses con pouca comida, fan case imposible que estean saudables e sen enfermidades", afirma Villeneuve. Ata o momento, UNICEF recibiu 198 millóns de dólares en doazóns e axuda, dos 251 millóns que solicitou. Mentres o traballo de UNICEF en atención, retorno e recuperación temperá continúa, aínda faltan por cubrir o 21% dos fondos solicitados, é dicir, 52 millóns de dólares, para asegurar que a organización poida seguir respondendo ás necesidades presentes e futuras.

Acerca de UNICEF
UNICEF traballa no terreo en máis de 150 países e territorios para tratar de garantir aos nenos e as nenas o dereito a sobrevivir e a desenvolverse dende a primeira infancia ata a adolescencia. UNICEF, que é o maior provedor de vacinas para os países en desenvolvemento, traballa para mellorar a saúde e a nutrición da infancia; o abastecemento de auga e saneamento de calidade; a educación básica de calidade para todos os nenos e nenas e a protección dos nenos e as nenas contra a violencia, a explotación e o VIH/SIDA. UNICEF está financiado na súa totalidade polas contribucións voluntarias de individuos, empresas, fundacións e gobernos.  

Más información:

Dailo Allí 
Xefe de Prensa de UNICEF España, 
Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55 
E‐mail: [email protected]
www.unicef.es