UNICEF fai un chamamento ao Cumio do G7: os nenos deben estar no centro das políticas de sostibilidade

Con motivo do Cumio do G7 que terá lugar os días 7 e 8 de xuño en Bavaria (Alemaña), UNICEF Comité Español fai un chamamento aos líderes dos países industrializados para que se centren na redución da pobreza infantil e que inclúan as perspectivas de infancia cando aborden asuntos globais, como a nova axenda de desenvolvemento sostible.

Segundo UNICEF, máis de 570 millóns de nenas e nenos no mundo viven actualmente por debaixo do albor internacional de pobreza, con menos de 1,25 dólares ao día (1,11 euros). Case a metade das persoas que viven en extrema pobreza son nenos e adolescentes.

"Dar aos nenos a oportunidade de crecer ben e seguros é unha condición importante para o desenvolvemento económico, a estabilidade social e a paz", afirmou Javier Martos, director executivo de UNICEF Comité Español.

Durante o Cumio J7 da Xuventude, que tivo lugar do 7 ao 13 de maio en Berlín, déronse importantes pasos cando 54 adolescentes de 19 países expresaron as súas opinións e recomendacións sobre os temas da axenda do G7 e llos presentaron ao Chanceler alemán Angela Merkel. As súas recomendacións incluían a petición de aumentar a participación dos mozos na toma de decisións políticas, máis investimento por parte dos países industrializados en investigación e educación, maior atención para rematar coa pobreza infantil e o establecemento de estándares sistemáticos para unha economía xusta.

O Cumio do G7 en Alemaña é o punto de partida dunha serie de conferencias internacionais sobre cooperación ao desenvolvemento e cambio climático. En Addis Ababa, Etiop
ía, en xullo, levaranse a cabo as negociacións sobre o financiamento da Axenda sobre Desenvolvemento Sostible global. No cumio especial de Nacións Unidas en setembro preténdese adoptar a Axenda de Desenvolvemento Sostible. En decembro as negociacións sobre Cambio Climático internacional continuaranse en París.
 

Para máis información sobre os resultados do cumio J7 e os obxectivos de Desenvolvemento Sostible: www.j7summit.org e www.unicef.org/post2015.

O documento de posicionamento final do cumio J7 pódese descargar aquí.

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España 609 16 00 51 / 91 378 95 55 [email protected]