UNICEF envía subministracións de emerxencia ás zonas afectadas polas inundacións en Filipinas

Hai 1,5 millóns de nenos afectados polo tifón Nalgae, que azoutou 34 provincias
 

Bulacán, Filipinas, 6 de outubro de 2011 – UNICEF distribuíu hoxe 3.000 kits de hixiene e 3.000 kits de auga ás familias afectadas en Filipinas polas inundacións que azoutaron a capital e Pampanga, a través do goberno local e a Oficina Central do Departamento de Asistencia Social de Luzón. A Representante de UNICEF en Filipinas, Vanessa Tobin, atópase na zona xunto a un equipo de emerxencia para avaliar a situación e coñecer mellor sobre o terreo o estado no que se atopan os nenos e as familias.

"Estou impresionada pola eficacia da organización levada a cabo polos traballadores do goberno local, as organizacións non gobernamentais e do sector privado", dixo a Representante de UNICEF no país, durante a súa visita ás zonas alagadas en Bulacán e Pampanga. "As subministracións están a chegar pero temos que estar atentos para controlar as enfermidades infantís, asegurarnos de que reabren as escolas e que os nenos volvan ás aulas."

Debido ao corte das comunicacións e das liñas de alta tensión, así como o difícil acceso ás zonas alagadas, necesítanse de maneira urxente alimentos, refuxios de emerxencia, subministracións médicas, auga, hixiene e saneamento, xunto a outros produtos non alimentarios. UNICEF está a distribuír kits de auga compostos por recipientes de auga, cubos e pastillas potabilizadoras de auga, e kits de hixiene compostos por bidóns de auga, cortaúñas, xabóns, cepillos de dentes, pasta de dentes e compresas.

 "As grandes áreas de augas estancadas son un perigo polo  risco de contaxio de dengue, diarrea e outras enfermidades infecciosas que supoñen unha gran ameaza para os nenos", dixo Tobin.

UNICEF está a realizar hoxe, xunto ao goberno, a avaliación das necesidades de acceso a nutrición, auga e saneamento das familias afectadas polas inundacións. UNICEF tamén ten previsto levar a cabo unha avaliación rápida das necesidades na Rexión 2, para coñecer mellor a situación dos nenos e as mulleres en Cagayan e Isabela. UNICEF traballa en estreita coordinación co goberno e os grupos de resposta de emerxencia, para proporcionar subministracións e servizos básicos.

O tifón Nalgae, coñecido polos locais como Quiel, azoutou Filipinas o 1 de outubro e pasou polas zonas devastadas por un tifón anterior, Nesat, o 28 de setembro no norte e centro de Luzón. Dezaseis provincias víronse afectadas polo tifón Nalgae en catro rexións, que días antes foran golpeadas polo tifón Nesat que afectou a 34 provincias. As oito zonas máis afectadas polo tifón Nalgae son Bulacán, Pangasinán, Pampanga, Ifugao, Isabela, Nova Ecija, Quirino e as provincias de Aurora.

Ao redor de 1,5 millóns de nenos víronse afectados polos tifones.

O Consello Nacional para a Redución e Xestión de Desastres (NDRRMC) informou da morte de 59 persoas a semana pasada: catro falecidos polo tifón Nalgae e 55 mortos polo tifón Nesat, polo menos até o pasado 4 de outubro. O nivel de auga descendeu nas zonas afectadas polas inundacións provocadas polo tifón. Con todo, aínda hai zonas illadas nas provincias de Pangasinán e Bulacán, que foron as máis afectadas polo tifón Nalgae o 1 de outubro. Na capital da provincia, NDRRMC confirmou que catro municipios permanecen baixa a auga: Calumpit, Hagonoy, Pulilan e Paombong.

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]