UNICEF e a OMS preparados para apoiar unha campaña de vacinación contra a polio en Ucraína

As axencias de Nacións Unidas son conscientes de que atrasar a campaña pon a 1,8 millóns de nenos en risco

Seis semanas despois do brote de polio en Ucraína, UNICEF e a Organización Mundial da Saúde (OMS) intensificaron os chamamentos para unha primeira rolda nacional de vacinación contra a polio.

O ministro de Sanidade de Ucraína confirmou dous casos de polio o 1 de setembro. Detectáronse en nenos da rexión de Zakarpatska, no suroeste de Ucraína. Ningún dos  nenos, de 10 meses e 4 anos, estaba vacinado contra a enfermidade.
 
Se non se detén inmediatamente, o virus pode estenderse por Ucraína, pondo en risco as vidas de 1,8 millóns de nenos. Se non empeza de inmediato unha campaña de vacinación para parar a transmisión do virus da polio, o risco dun brote maior continuará.
 
As directrices internacionais establecen que un só caso de polio constitúe un brote, e require unha resposta urxente debido á rapidez coa que pode estenderse a polio se os nenos non están completamente inmunizados. O brote e as baixas taxas de vacinación en Ucraína pon en risco a saúde e o benestar dos nenos, ademais de ameazar a condición de Europa de "libre de polio".
 
O brote pode deterse rapidamente mediante unha campaña nacional de vacinación con tres roldas de vacinas orais contra a polio, segundo as pautas da Iniciativa Global para a Erradicación da Polio*, que reúne á OMS, UNICEF e outros aliados de saúde. UNICEF proporcionou 3,7 millóns de vacinas orais contra a polio a Ucraína, financiadas polo goberno de Canadá. A OMS confirmou que as vacinas están en perfecto estado e listas para usar.
 
"Canto máis poida circular por Ucraína o virus da polio, maior será o risco de que o brote se estenda e paralice a máis nenos. Facemos un chamamento aos responsables e os traballadores sanitarios en Ucraína para que tomen medidas inmediatamente e vacinen a todos os nenos para parar a transmisión do virus", dixo Zsuzsanna Jakab, directora rexional da OMS para Europa.
 
Este é o primeiro brote de polio en Ucraína en 19 anos, e revela a vulnerabilidade dos nenos do país. Estes dous casos subliñan novamente a importancia dunha cobertura completa da vacinación para todos os nenos.
 
"As autoridades teñen a responsabilidade de protexer aos nenos contra esta enfermidade debilitante. Compráceme dicir que hoxe o 70% das nais ucraínas son conscientes dos beneficios das vacinas para protexer aos seus fillos. As roldas de vacinación deberían empezar xa", dixo Marie-Pierre Poirier, directora rexional de UNICEF.
 
Os líderes políticos de Ucraína deben tomar a decisión de apoiar as medidas de resposta ao brote e lanzar unha campaña nacional de vacinación para protexer aos nenos dunha parálise e posible morte evitables.
 
UNICEF e a OMS están á espera para dar apoio á campaña.
 

*A Iniciativa Mundial para a Erradicación da Polio é unha alianza pública e privada dirixida por gobernos nacionais e encabezada pola OMS, Rotary International, os Centros de Estados Unidos para o Control e Prevención de Enfermidades, e o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF). Máis información en: http://www.polioeradication.org/AboutUs.aspx#sthash.kNsxDaeL.dpuf

Más información:

Christophe Boulierac, UNICEF Xenebra, +41 79 963 92 44, [email protected]

Sarah Crowe, UNICEF Nova York, +1 646 209 1590, [email protected]

Veronika Vashchenko, UNICEF Kiev, +38 044 254 2439, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]

Cristiana Salvi, OMS Copenhague, +45 453 36 837, [email protected]

Nyka Alexander, OMS Kiev, +38 095 280 5795, [email protected]