UNICEF e a OMS piden que se levante o asedio ás comunidades en Siria

Declaración conxunta de Alan Alwan, director rexional da OMS, e Peter Salama, director rexional de UNICEF

A distribución esta semana de axuda humanitaria[i],que se necesita urxentemente nas comunidades asediadas de Madaya, Foua e Kafraya, é un paso positivo para a poboación desesperada.

Durante a misión a Madaya, os nosos equipos atopáronse con nenos angustiados e famentos, algúns deles gravemente desnutridos, xunto con adultos en condicións similares. A cidade, cunha poboación de 40.000 habitantes, conta só con dous médicos, cuxa capacidade para salvar as vidas de civís é moi limitada. Os servizos médicos e sanitarios, como a vacinación, están a desaparecer. Os nenos pequenos de Madaya levan preto de dez meses sen recibir as súas vacinas contra a polio, o sarampión e outras enfermidades.

Esta situación non é exclusiva de Madaya. No resto de Siria hai zonas civís asediadas polas distintas partes en conflito en quince lugares[ii]. Unhas 400.000 persoas están atrapadas nestas áreas, algúns durante anos, cun acceso moi limitado a alimentos, auga potable, sanidade e outros servizos básicos. O resultado é a perda de moitas vidas, sobre todo de persoas maiores e nenos.

 
Noutras partes do país máis de 4 millóns de persoas viven en zonas inaccesibles, cun acceso moi puntual a subministracións humanitarias. O estado de sitio e non permitir o acceso humanitario aos civís seguen sendo tácticas de guerra que violan o Dereito Internacional Humanitario.
 
A desnutrición é especialmente unha ameaza para os nenos e as persoas con enfermidades crónicas atrapadas nestas áreas, e failles máis vulnerables á enfermidade e a un atraso no seu desenvolvemento a longo prazo. Mentres tanto, as nais que sofren desnutrición son máis propensas a ter nenos desnutridos.
 
Se a axuda humanitaria non empeza a chegar inmediatamente e de maneira regular a todas as zonas asediadas e de difícil acceso, as taxas de desnutrición en Siria seguirán aumentando e perderanse máis vidas.
 
Permitir o acceso a distribucións limitadas de subministracións humanitarias non é suficiente. Necesítase o inmediato levantamento do asedio en Siria, seguido da avaliación do estado de saúde e das necesidades da poboación, a provisión in situ de atención sanitaria e terapéutica nutricional, e a evacuación dos feridos e os enfermos para ser tratados.
 
UNICEF e a OMS piden a todas as partes en conflito que respecten o Dereito Internacional Humanitario e permitan e faciliten un acceso humanitario inmediato e ininterrompido a todas as zonas do país.

[i] O luns 11 de xaneiro UNICEF e a OMS participaron en dous convois de varias axencias para distribuír en Madaya, Foua e Kafraya as subministracións que tanto se necesitan.

 
UNICEF distribuíu subministracións terapéuticas e nutricionais como micronutrientes, galletas enerxéticas e alimento terapéutico, así como medicamentos para tratar a desnutrición severa e moderada.
 
A OMS proporcionou en Madaya 7,8 toneladas de medicamentos, artigos médicos e cirúrxicos; e en Foua e Kafraya 3,9 toneladas de axuda como alimento terapéutico, antibióticos e medicamentos para tratar enfermidades nocontagiosas. 

[ii] Informe do Secretario Xeral sobre a implementación da resolución do Consello de Seguridade 2139 (2014), 2165 (2014) and 2191 (2014), decembro 2015. 

Más información:

Juliette Touma, Oficina Rexional de UNICEF, [email protected], +962-79-867-4628

Rana Sidani, Oficina Rexional de la OMS, [email protected], +20 1099756506

Diana Valcárcel, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]