UNICEF distribuirá subministracións para o inverno a 2,6 millóns de nenos sirios

O aviso de duras condicións climáticas aumenta os riscos que afrontan os nenos máis vulnerables

Avecíñase outro duro inverno para os máis de 8 millóns de nenos de Siria que viven tanto dentro do país, arrasado pola guerra, como nos países veciños como refuxiados. 

Segundo as previsións meteorolóxicas este inverno podería ser máis duro que o de anos anteriores. A temperatura podería chegar aos 13º baixo cero nalgunhas zonas montañosas durante os días máis fríos de decembro e xaneiro. Espérase que, igual que nos últimos anos, as tormentas e as fortes nevadas agraven a situación das familias, que xa loitan por sobrevivir mesmo en condicións normais. Case cinco anos despois do comezo da crise, os seus recursos financeiros esgótanse e fan imposible incluso a adquisición de artigos esenciais como abrigos ou bufandas.
 
Este ano UNICEF está a proporcionar un paquete de axuda para 2,6 millóns de nenos en Siria e a rexión. Esta asistencia centrarase nos máis afectados, como os desprazados internos e os que viven en zonas illadas ou en asentamentos informais.
 
Dentro de Siria proporcionaranse subministracións para afrontar o inverno a máis de 1 millón de nenos, coa distribución de kits de roupa, mantas e calefactores para as escolas, ademais da repartición de bonos de diñeiro en efectivo para que as familias poidan comprar o que necesiten para o inverno. Tamén se atenderán as necesidades doutros 100.000 nenos nas fronteiras con Turquía e Xordania. Os bonos e as transferencias de diñeiro en efectivo constitúen o groso da resposta de UNICEF ao inverno en Turquía, Líbano, Iraq e Xordania.
 
Este apoio é adicional aos programas existentes de saúde, educación, auga e saneamento e protección, que seguen alcanzando a millóns de nenos na rexión, e ao recentemente introducido para proporcionar asistencia en efectivo e bonos ás familias con fillos de ata 15 anos.
 
"Estes meses son especialmente brutais para os nenos", dixo Peter Salama, director rexional de UNICEF para Oriente Medio e África do Norte. "Teñen un maior risco de desenvolver infeccións respiratorias debido ao frío, e están en perigo cando as familias queiman plástico ou outros materiais tóxicos no interior dos seus refuxios para manterse quentes".
 
O conflito causou o desprazamento no interior de Siria de máis de tres millóns de nenos, algúns deles en múltiples ocasións. Máis de 2,2 millóns de nenos viven como refuxiados nos países veciños: Turquía, Líbano, Xordania, Iraq e Exipto.
 
UNICEF lanzou hoxe o seu chamamento de fondos anual, que ascende a 1.100 millóns de dólares, para dar apoio aos seus programas en Siria e os países veciños. 

Más información:

Simon Ingram, Oficina Rexional de UNICEF para Oriente Medio e África do Norte, [email protected], +962-79590-4740

Juliette Touma, Oficina Rexional de UNICEF para Oriente Medio e África do Norte, [email protected], +962-79-867-4628

Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]