UNICEF distribúe subministracións de emerxencia para tratar os nenos feridos no conflito de República Centroafricana

UNICEF distribuíu subministracións médicas de emerxencia aos hospitais de Bangui tras os recentes enfrontamentos, que provocaron centos de mortos e miles de desprazados.

"Todos os días vemos máis e máis nenos feridos e mortos no hospital", afirmou o representante de UNICEF en República Centroafricana, Souleymane Diabate. "Os nenos de República Centroafricana non están seguros, nin os musulmáns nin os cristiáns. Están en perigo de resultar feridos ou rematar mortos nas súas casas, nas súas comunidades, e mesmo nos asentamentos de desprazados. Isto é totalmente inaceptable". O luns pola mañá, a Cruz Vermella local notificou que dende o pasado xoves se produciron 400 mortos, incluíndo tres nenos. Os informes preliminares recompilados por UNICEF identificaron 30 nenos con feridas de bala ou de machetes no Hospital Comunitario e o Centro Pediátrico deBangui. O sábado, dous días despois dos enfrontamentos producidos enBangui, UNICEF distribuíu subministracións médicas esenciais para 3.000 persoas no Hospital Comunitario, onde están a ser tratados a maioría dos feridos. O domingo, os equipos de UNICEFdistribuíron subministracións sanitarias de emerxencia para 1.000 nenos no Centro Pediátrico de Bangui, o único hospital infantil do país, onde foron ingresadas moitas vítimas. Tamén se proporcionou roupa aos nenos sobreviventes e instaláronse ventiladores eléctricos nos cuartos co apoio deUNICEF. "É a primeira vez que me pasa algo así a min, a nós," explicouKelley, de 17 anos, que está a ser tratado no hospital tras recibir un disparo de bala no peito mentres camiñaba cara á súa escola o xoves. "Estou preocupado pola miña familia, polos meus amigos e polo meu país". Alí onde a seguridade e o acceso o permiten -tanto en Bangui coma en calquera outro lugar do país-,UNICEF e os seus aliados intensificarán os seus traballos para dar asistencia de emerxencia ás familias afectadas pola violencia. Espérase que nos próximos días chegue a Bangui por vía aérea un voo con carga humanitaria de UNICEF que inclúe kits de saúde en emerxencias, subministracións nutricionais e outros artigos que salvan vidas para 3.000 familias.

Ata finais de novembro UNICEF recibira menos da metade dos fondos que se necesitan para cubrir as necesidades humanitarias no país durante 2013. UNICEF fixo un chamamento de 46 millóns de dólares para responder durante 2014 ás necesidades dos nenos afectados en República Centroafricana.

####

Nota para os redactores

UNICEF está presente en República Centroafricana dende 1968. Actualmente hai 150 membros deUNICEF nas oficinas de Bangui, Bossongoa,Kaga Bandoro e dentro de pouco enBambari. Tamén hai equipos móbiles enBossangoa e Kaga Bandoro. En 2013, UNICEF e os seus aliados vacinaron contra o sarampelo máis de 480.000 nenos menores de cinco anos. Máis de 47.000 persoas desprazadas, sobre todo en Bossangoa, recibiron mantas, lonas de plástico, xabón e cubos proporcionados por UNICEF. Unhas 84.000 persoas teñen acceso a auga potable. Temendo polas súas vidas, unhas 60.000 persoas, na súa maioría mulleres e nenos, abandonaron as súas casas e buscado refuxio en máis de 20 asentamentos nos arredores de Bangui. Os equipos de UNICEF no terreo informan de que miles de familias desprazadas seguen necesitando de xeito urxente refuxio, auga potable, saneamento, protección, alimentos e servizos sanitarios de emerxencia, e teñen un risco alto de sufrir enfermidades mortais.

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55 - [email protected]