UNICEF celebra o fin do brote de ébola en Serra Leona

A organización solicita maior apoio para os máis de 11.500 nenos afectados

UNICEF acolle hoxe con gran satisfacción a declaración da OMS que marca o fin do brote de ébola en Serra Leona. É a maior vitoria para a resposta coordinada e a gran escala na que a organización traballou durante 18 meses. Agora debe continuar a vixilancia reforzada para que o país estea preparado ante posibles brotes futuros. Débese tamén intensificar o traballo para apoiar ás persoas afectadas polo brote e lograr unha recuperación sólida.

Esta crise de saúde sen precedentes tivo un impacto profundo e tráxico nos nenos, xa sexa polo contaxio directo e a morte, ou pola pegada que deixaron neles as medidas de corentena, o peche de escolas e a recesión económica", dixo o representante de UNICEF en Serra Leona, Geoff Wiffin.
 
"Non podemos permitirnos reducir os nosos esforzos porque o investimento nos próximos meses axudará a diminuír o impacto a longo prazo da epidemia nas xeracións futuras. Temos que colaborar coas comunidades, fortalecer o sistema de saúde e outros servizos básicos, e asegurar que as familias afectadas -incluíndo sobreviventes e orfos- non sexan esquecidas."
 
Durante a epidemia de ébola, UNICEF desempeñou un papel crave na subministración de equipamento médico, distribuíndo máis de medio millón de traxes de protección para os traballadores de saúde. UNICEF facilitou que os centros de atención comunitaria de ébola puidesen ampliar rapidamente o número de camas para os pacientes en 2014, estableceu centros de atención aos nenos afectados, e ofreceu información e mensaxes de prevención do ébola ás comunidades a través da radio, SMS, carteis e visitas de porta a porta.
 
En colaboración co Goberno, UNICEF tamén desempeñou un papel fundamental para a reapertura das escolas, a continuación das campañas masivas de vacinación, e o lanzamento de proxectos para grupos vulnerables, como infancia afectada por ébola, nenos fóra da escola, e as nenas que quedaron embarazadas durante o brote.
 
Este mes, UNICEF co apoio da Unión Europea, poñerá en marcha 16 proxectos para fortalecer os servizos de saúde en todo o país. Por outra banda, e nas mesmas datas, comezará a construción de dúas escolas de formación para asistentes de saúde materno-infantil.
 
Máis de 11.500 nenos de Serra Leona víronse afectados, xa sexa a través da infección do ébola, perdendo os pais pola enfermidade, ou estando en corentena. Polo menos 1,8 millóns de nenos en idade escolar tiveron que esperar oito meses para volver á escola.
 
"Supón un enorme alivio chegar ao final da epidemia", asegura Wiffin, "pero o brote continúa na veciña Guinea e ata que non se chegue a cero casos, estaremos alerta, en particular nos distritos fronteirizos como Kambia. En Liberia tamén houbo casos despois de declarar finalizado o brote polo que debemos ser extremadamente vixiantes".

Más información:

John James, UNICEF Serra Leone, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 609 160 051, [email protected]