Ucraína: máis de 1.000 nenos en refuxios antiaéreos necesitan asistencia urxente

Máis de 1.000 nenos víronse forzados a protexerse en refuxios antiaéreos subterráneos na cidade de Donetsk, debido á incesante violencia no leste de Ucraína.

"Os nenos das zonas afectadas sufriron grandes niveis de estrés debido ao continuo conflito", dixo Giovanna Barberis, representante de UNICEF en Ucraína. "Os máis vulnerables son aqueles que se viron obrigados a refuxiarse en sotos insalubres, fríos e cheos de xente, ademais de en refuxios antiaéreos, os nenos que viven na rúa e aqueles que proceden de familias pobres ou cuxos fogares se viron gravemente danados".

Dende setembro, miles de persoas das zonas onde os enfrontamentos son continuos, estiveron a pasar a maioría dos seus días e todas as súas noites en polo menos 12 refuxios con acceso limitado ou sen acceso a auga, hixiene e saneamento, ou comida, segundo UNICEF. Mentres o tamaño e as condicións dos refuxios varían, calcúlase que, só na cidade de Donetsk, 1.000 nenos se protexen nestes refuxios durante os fortes bombardeos.

"UNICEF recorda a todas as partes do conflito en Ucraína que manteñan os nenos afastados de situacións de risco" dixo Barberis.

"Ademais, instamos a comunidade internacional a actuar para proporcionar aos miles de nenos afectados a asistencia básica que necesitan".

UNICEF proporcionou kits de hixiene a máis de 1.100 nenos e adultos que viven en refuxios e sotos. No curto prazo, UNICEF comezará a proporcionar kits de roupa de inverno polo menos a 10.000 nenos vulnerables en zonas de conflito.


Dende marzo de 2014, máis de 1,5 millóns de persoas desprazáronse dende as zonas de conflito, incluíndo case un millón de persoas en Ucraína. Delas, máis de 130.000 son nenos.

En decembro de 2014, UNICEF pediu apoio adicional de 32,4 millóns de dólares para incrementar a súa resposta humanitaria para atender as necesidades urxentes de nenos e familias nas zonas afectadas por conflitos en Ucraína. Ata agora, recibíronse 10,16 millóns de dólares.

###

Para descargar material multimedia:

WeShare.unicef.org/MediaResources     

Folder: Ukraine Crisis

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.

Más información:

Christophe Boulierac, UNICEF Geneva, +41 799 639 244, [email protected]

Veronika Vashchenko, UNICEF Kiev, +38 044 254 2439, [email protected]

Najwa Mekki, UNICEF New York, +1917 209 1804, [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55;  [email protected]