Os nenos refuxiados e migrantes son os que máis sofren as restricións fronteirizas

A grave situación que se está desenvolvendo nos puntos fronteirizos ao longo da ruta dos Balcáns, en particular na antiga República Iugoslava de Macedonia e en Grecia, está a deixar a miles de nenos desatendidos, angustiados e en risco de padecer abusos e problemas de saúde, segundo UNICEF.

No medio do caos e da confusión os nenos víronse obrigados a durmir á intemperie en condicións precarias durante máis dunha semana, sen acceso a servizos básicos como ducharse ou alimentarse adecuadamente. As familias corren o risco de separarse, e os nenos quedáronse atrapados fóra dos centros de tránsito ou en trens durante horas sen destino algún.
 
"Aquí estou a ser testemuña de como nenos pequenos, menores de cinco anos, quedan atrapados entre dous valos", dixo Jesper Jensen, coordinador de emerxencias no terreo para UNICEF en Gevgelija, na antiga República Iugoslava de Macedonia. "Non poden avanzar nin retroceder. Necesitan refuxio e descanso, e necesitan saber que futuro lles espera".
 
Ante o rápido desenvolvemento da situación nos centros de tránsito das fronteiras na antiga República Iugoslava de Macedonia, UNICEF ampliou a súa resposta. Esta inclúe facilitar o acceso a instalacións de auga e saneamento, especialmente para os bebés e os nenos, así como distribuír artigos de hixiene persoal e alimentos para axudar aos nenos e as súas familias para facer fronte á difícil situación.
 
UNICEF reitera o seu chamamento para levar a cabo un traballo conxunto e coordinado por parte de todos os gobernos, tanto nas principais rutas de tránsito como nos países de destino. Ningún neno debería pasar a noite sen acubillo e acceso a servizos básicos.

Fotos e vídeos dispoñibles aquí:  http://uni.cf/1Ob9UKV

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]