O Foro Mundial sobre a Educación establecerá unha folla de ruta para a educación global ata 2030
Nota de prensa conxunta
O Foro Mundial sobre a Educación, que comezou hoxe
en Incheon,
República de Corea, discutirá a axenda global da educación para os
próximos 15 anos. Nesta reunión establecerase unha folla de ruta
para a educación ata 2030.
A Declaración sobre Educación 2030 que se acordará no foro
mobilizará todos os países e os seus aliados para implementar a
nova axenda, e propoñerá maneiras de coordinala, financiala e
darlle seguimento -a nivel global, rexional e nacional- para
garantir a igualdade de oportunidades para todos.
O secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-moon,
inaugurou o evento. "A educación asegura os dereitos humanos,
incluíndo a saúde e o traballo", dixo os 1.500 participantes. "E a
educación é tamén esencial para combater as ameazas á seguridade,
como o aumento do extremismo violento,".
O foro reúne a máis de 130 ministros, xunto con funcionarios
gobernamentais de alto nivel, gañadores de
premios Nobel,
líderes de organizacións internacionais e non gobernamentais,
intelectuais, representantes do sector privado, investigadores e
outros actores clave.
A directora xeneral da UNESCO, Irina
Bokova,
e a presidenta da República de Corea, Park Geun-hye,
tamén falaron na inauguración do foro, liderado
pola UNESCO (Organización
das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) en
colaboración co Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento
(UNDP),
o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA),
a Axencia daONU para
os Refuxiados (UNHCR),
o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), ONU Mulleres
(UN Women)
e o Grupo do Banco Mundial.
"Coñecemos o poder da educación para erradicar a pobreza,
transformar vidas e lograr avances nos Obxectivos de
Desenvolvemento do Milenio", dixo Bokova no
seu discurso de apertura. "Temos o deber colectivo de construír as
capacidades de cada neno e mozo sobre os alicerces
necesarios-coñecemento, valores e habilidades- para que enfronten o
futuro como cidadáns globais responsables, que constrúan sobre os
éxitos dos últimos 15 anos. E debemos comprometernos a dar aos
adultos a oportunidade de seguir aprendendo ao longo de toda a súa
vida para adaptarse os rápidos cambios e promover a inclusión
social. Isto non é só un dereito humano, senón un imperativo para a
seguridade, o desenvolvemento inclusivo e a paz".
2015 marca a data límite para lograr os seis obxectivos da
Educación para Todos e
os Obxectivos de Desenvolvemento de Milenio establecidos en 2000.
No foro farase balance dos progresos realizados nos últimos 15
anos, considerando os retos que permanecen e os que xurdiron novos,
e prepárase unha folla de ruta para afrontalos no marco dos
Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que Nacións Unidas adoptará
en setembro.
Os esforzos colectivos dos últimos 15 anos tiveron como resultado
un progreso sen precedentes en educación. Segundo o Instituto de
Estatística da UNESCO,
en 2012 había 76 millóns de nenos e adolescentes fóra da escola
menos que en 2000. Neste períodos, uns 67 millóns de nenos máis
recibiron educación preescolar e aproximadamente 50 millóns máis
matriculáronse na escola primaria.
Non obstante, o programa da Educación para Todos segue
sendo un asunto pendente. O seu informe de seguimento deste ano mostra que 57
millóns de nenos de primaria e 63 millóns de adolescentes seguen
fóra da escola, e 781 millóns de adultos son analfabetos. O informe
estima que se necesitan 22.000 millóns de dólares adicionais ao ano
para garantir a educación preescolar, primaria e secundaria
inferior en 2030.
Declaracións dos líderes das organizacións aliadas da ONU
Anthony Lake, director executivo de UNICEF
"Cada neno necesita unha oportunidade xusta na vida. Isto empeza cunha boa oportunidade para aprender. Cando fracasamos en proporcionar aos nenos unha igualdade de oportunidades, especialmente un acceso xusto á aprendizaxe, sementamos as sementes da futura adversidade social e económica -e as daniñas desigualdades na seguinte xeración. Se damos a cada neno a oportunidade de aprender, estámoslle a dar as ferramentas para construír un mundo mellor para si mesmo e para os seus fillos".
Jim Yong Kim, presidente do Grupo do Banco Mundial
"A verdade é que a maioría dos sistemas de educación non están a servir aos nenos máis pobres. Estímase que 250 millóns de nenos non saben ler ou escribir -mesmo aínda que moitos foron á escola durante anos. Isto é unha traxedia e ten consecuencias serias para rematar coa pobreza extrema. Con preto de 1.000 millóns de persoas atrapadas na pobreza, os esforzos para mellorar a aprendizaxe liberarán enormes cantidades de potencial humano nos próximos anos. Mellores resultados nas aulas axudarán a rematar coa pobreza extrema".
Helen Clark, administradora do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento e presidenta do Grupo das Nacións Unidas para o Desenvolvemento
No noso mundo o coñecemento é poder, e a educación empodera. É unha parte indispensable na ecuación do desenvolvemento. Ten un valor intrínseco -que se estende máis alá do económico- para capacitar as persoas para determinar o seu propio destino. Por iso a oportunidade de recibir educación é fundamental para avanzar no desenvolvemento humano".
Phumzile Mlambo-Ngcuka, directora executiva de ONU Mulleres e secretaria xeral adxunta de Nacións Unidas
"Dous terzos das persoas analfabetas no mundo son mulleres. Sabemos que a educación é que a educación é un catalizador inigualable para o cambio. Empodera ás mulleres e nenas para que tomen as rendas da súa propia vida e participen no desenvolvemento das súas comunidades e países -como beneficiarias e como axentes do cambio. Onde hai limitacións institucionais, económicas ou socio culturais á educación, hai graves consecuencias para as sociedades. Fagamos un esforzo conxunto para rematar con estas limitacións e garantir os cambios nas vidas, potenciando o impacto da educación. Apoiamos completamente Educación 2030 -como parte da nosa campaña global para a igualdade de xénero para 2030.
António Guterres, Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados
"Só un de cada tres nenos refuxiados vai á escola, e un de cada catro a secundaria. Isto é unha traxedia. A educación é a cousa máis importante que un neno pode levar a través das fronteiras, e a súa maior esperanza para un futuro mellor".
Dr. Babatunde Osotimehin, Fondo de Poboación das Nacións Unidas
"A educación é clave para gozar o resto de dereitos humanos, especialmente o dereito á saúde, e viceversa. Aínda millóns de nenas adolescentes están fóra da escola e privadas dos seus dereitos. Investir en educación, incluíndo a educación sexual integral, permite aos mozos crecer de xeito seguro e san, e a transición cara a un traballo decente. Tamén permite ás nenas e mulleres novas lograr o seu pleno potencial e dirixir o desenvolvemento das súas comunidades e nacións".