O duro inverno e as restricións fronteirizas, novos desafíos para os nenos migrantes e refuxiados
As restricións fronteirizas e as duras condicións climáticas están a agravar as dificultades e os retos aos que se enfrontan as mulleres e os nenos migrantes e refuxiados, que supoñen máis da metade de todas as chegadas por mar.
Desde o comezo do 2015 ata
novembro, máis de 876.000 persoas chegaron ás costas europeas a
través do Mediterráneo. A proporción de mulleres e nenos seguiu
aumentando desde o verán. En xuño, a porcentaxe de mulleres e nenos
era dun 27% e en novembro aumentara ata un 52%*.
Para reducir os riscos e o
sufrimento ao que se enfrontan mulleres e nenos, UNICEF está a
desenvolver plans de continxencia e preparacións para o inverno
para adaptarse a unha situación que cambia rapidamente.
"Ata agora, o inverno en Europa
foi relativamente suave, pero iso está a cambiar. A nosa
preocupación principal é que o frío e as restricións fronteirizas
impredicibles deixen a miles de nenos e nenas nas pavías, e ante o
risco de contraer a gripe e enfermidades respiratorias", explica
Marie-Pierre Poirier, coordinadora especial de UNICEF para a crise
de migrantes e refuxiados en Europa. "A roupa de abrigo, as
bufandas, e os calcetíns para bebés non son suficientes. Estes
nenos sobreviviron a guerras, adversidade e dificultades; agora
necesitan estabilidade, protección e apoio".
UNICEF xa empezou a distribuír
roupa de abrigo, calzado infantil, mantas e kits de hixiene. Tamén
equipou os espazos amigos da infancia con material impermeable e
calefacción nos países co maior número de nenos migrantes e
refuxiados: Croacia, a antiga República Iugoslava de Macedonia,
Serbia e, en breve, Eslovenia e Grecia.
Dentro das actividades para a
preparación fronte ao inverno, UNICEF desenvolveu plans de
continxencia para responder as necesidades que van tendo mulleres e
nenos, e para adaptarse aos cambios nos patróns de rutas
migratorias en Albania, Bosnia e Herzegovina, Bulgaria, Montenegro
e Rumania, así como en Kósovo (resolución 1244 do Consello de
Seguridade da ONU).
UNICEF está a traballar con ACNUR
e Cruz Vermella para aumentar a rede existente de espazos amigos da
infancia e de espazos para nais e bebés nos Centros de Apoio a
Familias, para asistir e protexer aos nenos e coidadores con
servizos como axuda legal e restablecemento do contacto entre
familiares.
* Datos da policía
grega/ACNUR 30 Novembro 2015