Millóns de persoas viven en situación de emerxencia en 25 países

UNICEF presentou hoxe en Xenebra o informe Acción Humanitaria para a Infancia 2012 no que describe as operacións humanitarias prioritarias que desenvolverá este ano en 25 países, onde millóns de persoas viven unha situación de extrema necesidade, especialmente na rexión do Corno de África.

"Se ben gran parte da atención mundial se centra nas necesidades humanitarias no Corno de África, non hai que esquecer as daquelas emerxencias que hai dende hai moito tempo en todo o planeta, as emerxencias silenciosas," dixo Rima Salah, Directora Adxunta do Fondo de Nacións Unidas para Infancia, durante a presentación do informe. "No Sahel estamos a facer fronte a unha crise nutricional dunha magnitude maior do habitual. Ademais, as emerxencias na República Democrática do Congo, Chad e a República Centroafricana, por nomear só algunhas, necesitan financiamento para apoiar a supervivencia das persoas máis vulnerables, os nenos e as mulleres," agregou. O informe de UNICEF describe a situación cotiá á que se enfrontan os nenos máis vulnerables de todo o mundo e as mulleres atrapadas en situacións de emerxencia, e reflicte o financiamento necesario para satisfacer as necesidades inmediatas e a longo prazo desta poboación, o seu dereito á supervivencia e o seu desenvolvemento de forma saudable. O documento destaca as operacións humanitarias levadas a cabo no Corno de África, onde UNICEF activou o seu nivel máis alto de resposta de emerxencia para executar unha operación destinada a salvar as vidas de centos de miles de nenos e mulleres cuxa supervivencia estaba ameazada.  

Tamén subliña as necesidades dos nenos e familias desprazadas pola violencia desatada tras as eleccións en Costa de Marfil en novembro de 2010, e pola independencia de Sudán do Sur da República de Sudán; así como as de cinco millóns de persoas afectadas polas inundacións que por segundo ano azoutan Paquistán, e as operacións de recuperación de Haití, dous anos despois de que un terremoto destruíse o país máis pobre de Occidente. O informe cita a onda de axitación e cambio político experimentado en Oriente Medio e o norte de África, especialmente polas necesidades humanitarias de países como Iemen, unha nación que xa sufría unha prolongada crise de emerxencia. Sobre as emerxencias de longa duración, o informe de UNICEF destaca que "en todo o mundo, millóns de nenos viven no medio de crise que persiste durante anos. Se ben algunhas destas situacións de emerxencia atraen a atención dos medios de comunicación e dos políticos, outras non chaman a atención da comunidade internacional, converténdose en 'emerxencias silenciosas' con profundas necesidades humanitarias, afastadas da atención pública, que son esquecidas con demasiada facilidade e rapidez. " O informe fai fincapé na importancia da preparación e a capacidade de resistencia, como elementos cruciais para a redución de mortes e danos en situacións de emerxencia.  

O conflito no leste e nordés da República Democrática do Congo ten un profundo impacto en millóns de persoas dende hai moitos anos, segundo o informe. É unha longa emerxencia silenciosa. Ata xuño de 2011, máis de 1,5 millóns de persoas, a metade deles nenos, víronse obrigados a desprazarse pola violencia étnica. Millóns de nenos de zonas afectadas por conflitos tiveron que abandonar as escolas, a violencia sexual foi unha práctica habitual nalgunhas rexións, e as epidemias de sarampelo e cólera ameazaban as vidas de moitos millóns de nenos. En Haití, UNICEF e os seus aliados continúan apoiando os afectados do terremoto de 2010 e tomando medidas para aumentar a capacidade de recuperación dos máis vulnerables. En 2011, UNICEF axudou a reunificar 2.500 nenos separados das súas familias e estableceu 193 escolas temporais, que son espazos de protección para preto 86.000 nenos. Logramos moitos resultados positivos nas emerxencia atendidas en 2011, pero as necesidades urxentes e a longo prazo de millóns de nenos e as súas familias continuarán en 2012. Para poder cumprir cos seus compromisos coa infancia, UNICEF necesita o financiamento axeitado, dixoSalah. "Non só representan o futuro senón tamén aos máis vulnerables, e merecen o apoio xeneroso e constante da comunidade de doadores. "

Para poder levar a cabo as accións de emerxencia recollidas neste informe,UNICEF necesita 1.028 millóns de dólares (807,29 millóns de euros) cos que desenvolver os seus programas de infancia. Case un terzo da cantidade solicitada será destinada a atender a crise en Somalia e outros países do Corno de África.Para coñecer o informe completo (en inglés  ): http://www.unicef.org/hac2012/HAC2012_LOW_WEB_Final.pdf

Fotos, vídeos (entrevistas e recursos) e audios:

https://unicefweb.unicef.es/com/emergencias

Usuario:     Refcom

Contrasinal:   uce442087

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55: [email protected]

www.unicef.es

Síguenos en Facebook e Twitter

Visita a nosa televisión on line tv.unicef.es