Miles de nenos seguen necesitando atención e apoio tras a epidemia de ébola
Liberia anunciou o fin da transmisión do virus no paísPreto de 23.000 nenos que perderon a un ou ambos os proxenitores ou aos seus coidadores a causa do ébola en Guinea, Liberia e Serra Leona continúan necesitando coidados e apoio. Así o dixo UNICEF, á vez que celebra a declaración de que xa non hai máis casos da enfermidade en África Occidental.
A declaración hoxe de que Liberia
está libre da transmisión do ébola, tras cumprirse o período de 42
días sen ningún caso da enfermidade, chega tras a de Guinea en
decembro, e a de Serra Leona en novembro. Agora o país comeza unha
fase de intensa vixilancia, que durará tres meses.
"Frear esta epidemia foi un
logro, pero non podemos esquecer o terrible impacto do ébola nestes
países", dixo Manuel Fontaine, director rexional de UNICEF para
África Occidental e Central. "Moitas persoas continúan sufrindo,
especialmente os nenos cuxas vidas quedaron aínda máis vulnerables
debido ao virus".
A gran maioría dos nenos cuxos
pais ou coidadores morreron a causa do ébola foron acollidos por
familiares próximos, parentes ou outros membros das súas
comunidades. É fundamental seguir apoiándolles máis aló da fase de
emerxencia, a través de axudas económicas, apoio escolar, roupa e
alimentos durante o período de transición, e apoio a outras
modalidades de atención familiar.
Desde que se produciu o brote de
ébola hai dous anos infectáronse 28.637 persoas, das que 4.767 son
nenos. Un total de 11.315 persoas perderon a vida a causa do virus
-3.508 delas nenos o que supón unha de cada catro mortes.
Ademais, máis de 1.260 nenos que
sobreviviron a enfermidade neste tres países enfróntanse a retos
tanto médicos como sociais, xa que moitos loitan para ser aceptados
de volta nas súas comunidades.
"O ébola supuxo unha experiencia
aterradora para os nenos", dixo Fontaine. "Debémoslles, a eles e a
todas as persoas de Guinea, Liberia e Serra Leona, o continuar
apoiándolles mentres se recuperan dos efectos devastadores que esta
enfermidade tivo nas súas vidas," engadiu.
O apoio de UNICEF aos nenos máis
vulnerables no tres países ten como obxectivo reforzar os sistemas
de protección infantil. Isto implica garantir que as autoridades
poidan proporcionar servizos como apoio psicosocial, localización e
reunificación familiar, coidado alternativo ou temporal, e unha
rede de servizos estatais e comunitarios para previr e responder
ante abusos e violencia contra os nenos, que están en maior
risco.
Ademais UNICEF continuará
apoiando campañas de control e sensibilización, así como equipos de
resposta rápida que realicen unha vixilancia activa, mobilización
social e illamento temperán, e que fornezan servizos básicos
sanitarios, nutricionais, e de auga, hixiene e saneamento.
UNICEF fai un chamamento por
valor de 15 millóns de dólares (13,7 millóns de euros) para
financiar as accións de emerxencia relacionadas co ébola en Guinea,
Liberia e Serra Leona entre xaneiro e marzo de 2016. Estes fondos
cubrirían só as necesidades inmediatas, non o traballo de
recuperación tras o ébola.
Fotos e vídeos dispoñibles aquí:http://uni.cf/1xZAb39
Nota para editores:
Ensaio fotográfico‘O meu ébola’, no que 21 persoas afectadas polo ébola en Liberia, Guinea e Serra Leona contan a súa historia (coas súas propias palabras): https://medium.com/@UNICEF/4a6a58e0bd20