Malia a marcada diminución das mortes por pneumonía do último decenio, aínda queda moito por facer

Con motivo da celebración do sexto Día Mundial contra a Pneumonía, UNICEF sinalou que a marcada diminución das mortes debidas a esa enfermidade demostra a eficacia das estratexias para derrotala. Non obstante, o organismo internacional tamén indicou que aínda queda moito por facer para evitar que centos de miles de nenos morran anualmente como consecuencia desa enfermidade previble.

A pneumonía segue sendo unha das principais causas de mortalidade infantil, xa que representa o 15% das mortes, ou aproximadamente 940.000 nenos ao ano, pero a mortalidade debido á enfermidade diminuíu nun 44% dende 2000, segundo cifras publicadas recentemente por UNICEF.

"A pneumonía segue sendo unha enfermidade moi perigosa, que mata máis nenos menores de cinco anos que o VIH/SIDA, a malaria, as feridas e lesións e o sarampelo combinados," apuntou Mickey Chopra, xefe dos programas mundiais de saúde de UNICEF. "Malia a diminución do número de mortes, esa enfermidade segue causando case un millón de mortes por ano, de maneira que non podemos baixar a garda. O maior factor de risco é a pobreza, e iso significa que temos que orientar o noso labor a todos e cada un dos nenos do mundo, por moi marxinados que estean".

As cifras máis elevadas de mortes debidas á pneumonía rexístranse nas comunidades rurais pobres. Unha das principais causas desa enfermidade é a contaminación do aire nas vivendas: os nenos que viven en fogares onde se empregan para cociñar ou para a calefacción combustibles sólidos, como a madeira, o carbón ou o esterco, corren grave perigo. O amoreamento nas vivendas é outra das causas dos niveis elevados de pneumonía. Ademais, os nenos pobres teñen menos probabilidades de estar inmunizados contra o sarampelo e a tose ferina, que son dúas causas principais da pneumonía.

Debido a que o diagnóstico e tratamento temperáns da pneumonía, así como o acceso á atención da saúde, poden salvar vidas, é necesario que as estratexias que se empreguen estean dirixidas ás comunidades de baixos recursos.

Malia que o aumento do emprego de vacinas contra a pneumonía, en especial nos países de baixos ingresos, logrou bos resultados na loita contra a enfermidade, aínda persisten disparidades, mesmo nos países con ampla cobertura de inmunización.

"Para reducir o número de mortes previbles debidas á pneumonía é imprescindible eliminar as disparidades en materia de tratamento entre os pobres e os máis acomodados", engadiu Chopra. "Canto antes nos concentremos nas causas e as solucións xa coñecidas, máis rapidamente poderemos controlar este flaxelo para a infancia".

A División de Subministracións de UNICEF fixo hoxe un chamamento aos innovadores do mundo para que produzan medidores da frecuencia respiratoria mellores e máis económicos que faciliten o diagnóstico oportuno da pneumonía, así como o seu tratamento inmediato.

Existe un tratamento simple que deu excelentes resultados e que consiste en que axentes sanitarios capacitados das comunidades administren aos nenos enfermos o antibiótico amoxicilina en comprimidos de doada inxestión, como parte dun programa integral de tratamento individualizado a nivel comunitario. Se se aumentase a dispoñibilidade de tratamentos e medicamentos igualmente económicos axudaríase a reducir a disparidade en materia de tratamento, en especial as carencias dos sectores da poboación aos que resulta difícil prestar servizos.

Tamén se pode reducir a incidencia da pneumonía mediante outras medidas simples, como a lactación materna temperá e exclusiva; o lavado das mans con xabón; a vacinación; e a subministración de micronutrientes.

Campaña ‘Agora non podemos parar’ de UNICEF Comité Español

Para seguir avanzando na loita pola supervivencia infantil en todo momento e en todas as situacións, UNICEF Comité Español puxo en marcha a súa campaña Agora non podemos parar que, ata principios de 2015, pretende trasladar á nosa sociedade os avances realizados e os grandes retos pendentes para seguir salvando vidas.

Os índices de supervivencia infantil melloraron radicalmente: en 1990, 12,7 millóns de nenos menores de cinco anos morreron por causas que podemos evitar; en 2013 esta cifra foi de 6,3 millóns. É unha redución de case a metade, pero a pesar dos avances, máis de 17.000 nenos menores de cinco anos morren cada día por causas que se poden evitar con medidas tan sinxelas como ter vacinas, auga ou unha nutrición axeitada.

Para contribuir ao traballo de UNICEF contra a mortalidade infantil:

Envío de SMS coa palabra UNICEF ao 28028 *: 1,20 euros íntegros para UNICEF. Con esta cantidade pódese vacinar un neno contra varias enfermidades mortais, ou custear o tratamento contra a desnutrición para un neno durante un día.

Web: www.unicef.es/ahoranopodemosparar/

Teléfono: 902 31 41 31

*IMPORTE DO SERVICIO DE SMS 1,20€ ÍNTEGRO PARA UNICEF. Válido para Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo e Euskaltel. Número sen fins comerciais. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, [email protected]. Información legal e protección de datos: www.unicef.es

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.

Más información:

Raquel Fernández

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]