Liberia celebra o fin da transmisión do virus do ébola

UNICEF destaca a necesidade de ofrecer mellores servizos para os nenos

UNICEF acolleu hoxe con satisfacción o anuncio de que Liberia conseguiu unha vez máis eliminar a transmisión do virus do ébola e expresou a súa esperanza de que o país se concentre agora en recuperarse do brote, que tivo graves repercusións para as vidas de miles de nenos e as súas comunidades.

"Os últimos 17 meses foron un período terrible para os nenos e as súas familias", dixo Sheldon Yett, representante de UNICEF en Liberia. "Mesmo antes deste brote, os nenos liberianos tiñan un acceso limitado a servizos sociais de calidade, así como de saúde e educación. Moitos nenos estaban sen escolarizar e carecían de servizos sociais, de saneamento e sanitarios de calidade. Agora a costa que temos que subir é aínda máis empinada".

Máis de 4.500 nenos perderon un ou ambos os dous proxenitores ou coidadores a causa do ébola en Liberia, segundo datos do Goberno. A cifra total é de máis de 19.300 nos tres países máis afectados, que tamén inclúen Guinea e Serra Leoa. Moitas máis persoas sufriron dunha ou outra forma os efectos da enfermidade, ao ter que permanecer en corentena, ver morrer os seus seres queridos, perder meses de escolaridade ou non poder acceder aos servizos de saúde, que quedaron colapsados durante o brote.

"Agora estamos concentrados en mellorar o acceso a educación, a saúde e outros servizos a nivel comunitario, e en asegurarnos de que Liberia estea mellor equipada para enfrontar ameazas futuras contra a saúde, xa sexa o sarampelo, a tose ferina ou o ébola," dixo Yett.

UNICEF está a apoiar os esforzos para fortalecer os sistemas de saúde en Liberia coa firme intención de mellorar o acceso aos servizos de saúde comunitarios, a inmunización sistemática e a nutrición, así como garantir sistemas mellorados de auga, saneamento e hixiene nos establecementos de saúde nas escolas.

UNICEF tamén está a proporcionar materiais educativos para axudar a aliviar a carga das familias
que envían aos seus fillos á escola, reconstrúe escolas e apoia a ampliación dos servizos sociais e os esforzos para reducir a mortalidade infantil.

Liberia foi declarada por primeira vez libre de transmisión do ébola o 9 de maio, despois de que tivesen transcorrido 42 días sen que se producise ningún caso, pero ao mes seguinte xurdiron outra vez novos casos.

Unha rápida resposta a este brote máis recente por parte do Goberno de Liberia e numerosos aliados, incluídos UNICEF e as comunidades locais, deu como resultado que se contivese rapidamente a propagación do virus do ébola, se tratase os pacientes e se enterrase os mortos segundo estritos protocolos de seguridade. O último paciente con ébola saíu do hospital o 23 de xullo.

Para acceder a vídeos e fotos:

ftp://video.unicef.es/ebola/

Usuario:        Refcom

Contrasinal:   uce442087

Más información:

Diana Valcárcel, Directora de Comunicación, UNICEF España, tel. 609 160 051, [email protected]

Rukshan Ratnam, UNICEF Liberia. [email protected], +231 770 267 110

Alvina Lim, UNICEF Liberia, [email protected]. +231 770 267 938

Laurent Duvillier, Oficina Rexional de UNICEF en África Occidental e Central (Dakar, Senegal) [email protected] + 22133 869 58 58 ext 642

Melanie Sharpe, UNICEF Nova York [email protected] +1 917-251-7670