A lactación materna podería evitar a morte de preto dun millón de nenos cada ano

Con motivo da Semana Mundial da Lactación Materna, UNICEF asegura que unhas políticas nacionais sólidas que apoien esta práctica poderían evitar todos os anos a morte de ao redor dun millón de nenos menores de cinco anos nos países en desenvolvemento.  

A pesar das convincentes probas que demostran que a lactación materna exclusiva evita enfermidades como a diarrea e a pneumonía, que matan millóns de nenos cada ano, as taxas mundiais de lactación materna mantivéronse relativamente estancadas no mundo en desenvolvemento, cun crecemento do 32% en 1995 ao 39% en 2010. "Se a lactación materna se promovese con maior eficacia e se protexese as mulleres da comercialización agresiva dos sucedáneos do leite materno, veriamos que máis nenos sobreviven e prosperan con menores taxas de enfermidades, desnutrición e atraso do crecemento", dixo o Director Executivo de UNICEF, Anthony Lake. Algúns dos obstáculos para mellorar as taxas de lactación materna son a comercialización xeneralizada e sen ética dos fabricantes de sucedáneos de leite materno, as deficientes políticas nacionais que non apoian os permisos por maternidade, e a falta de comprensión dos riscos que leva consigo non dar o peito.  

En xuño, os dirixentes mundiais que se reuniron en Washington DC, como parte do movemento "Compromiso para a supervivencia infantil: Unha promesa renovada", comprometéronse a traballar para poñer fin ás mortes infantís que se poden evitar. A Semana Mundial da Lactación Materna representa unha oportunidade para reafirmar o papel fundamental desta práctica na redución da mortalidade infantil. A serie sobre nutrición de The Lanceten 2008 destacou o feito de que un neno que non se alimentou exclusivamente de leite materno ten 14 veces máis probabilidades de morrer durante os primeiros seis meses de vida que un neno alimentado deste xeito. O leite materno cumpre con todas as necesidades nutricionais do bebé e é unha das mellores prácticas a favor da supervivencia infantil, xa que o custo principal é a nutrición da nai. "A lactación materna debe ser valorada como un beneficio non só para os bebés, as nais e as familias, senón tamén polo aforro que implica para os gobernos a longo prazo", dixo o Sr. Lake.

Más información:

Dailo Allí
Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55
E-mail: [email protected]