Iemen: preto de seis nenos son feridos ou morren cada día

Nenos de tan só dez anos son recrutados para combater nun país en risco de converterse en estado errado

O brutal conflito e unha situación humanitaria que se deteriora rapidamente están devastando as vidas dos nenos de Iemen e levaron ao país ao bordo do colapso. O informe que lanzou hoxe UNICEF, O impacto da violencia e o conflito en Iemen e os seus nenos, destaca que a violencia ten graves consecuencias para os nenos, así como o empeoramento dunha situación humanitaria que xa antes era precaria.

UNICEF verificou máis de 1.560 incidentes de violacións graves contra os nenos en Iemen. Como resultado destas, máis de 900 nenos morreron e máis de 1.300 foron feridos só o ano pasado, o que supón unha media de seis nenos mortos ou feridos cada día. Estas cifras son case sete veces máis altas que as de 2014. Con máis de 50 ataques a escolas confirmados, os nenos foron tamén asasinados cando estaban no colexio ou no seu camiño cara a ou desde a escola. Estas cifras son só a punta do iceberg, xa que unicamente mostran os casos que UNICEF puido confirmar.
 
"Os nenos están a pagar o prezo máis alto por un conflito que non provocaron. Foron asasinados ou mutilados en todo o país, e xa non están seguros en ningún lugar de Iemen. Mesmo xogar ou durmir volveuse perigoso", dixo Julien Harneis, representante de UNICEF en Iemen.
 
A medida que a guerra se intensifica, o recrutamento e uso de nenos nos combates segue aumentando. Os nenos están a adoptar papeis moito máis activos, como operar en postos de control e levar armas. O ano pasado UNICEF confirmou 848 casos de nenos recrutados para o combate, algúns de só dez anos.
 
Segundo os últimos datos 63 instalacións sanitarias foron atacadas ou danadas; a maioría de centros de saúde sofren unha grave escaseza de equipamento médico, subministracións e persoal, e dispoñen de electricidade esporadicamente.
 
En todo o país os servizos básicos paralizáronse debido a que a entrada de combustible, auga e alimentos interrompeuse a causa do conflito.
 
Ademais das mortes producidas polo impacto directo da guerra, UNICEF estima que preto de 10.000 nenos menores de 5 anos morreron o ano pasado por enfermidades prevenibles, xa que servizos sanitarios básicos como a vacinación ou os tratamentos contra a diarrea e a pneumonía, entre outros, diminuíron. En Iemen xa morrían preto de 40.000 nenos anualmente antes de chegar aos seus quintos aniversarios.
 
Iemen, o país máis pobre da rexión e xa un dos máis pobres do mundo, está ao límite debido á devastación do último ano. Preto de 10 millóns de nenos, o 80% de toda a poboación infantil do país, necesitan asistencia humanitaria urxente. Máis de 2 millóns de nenos enfróntanse á ameaza de enfermidades diarreicas, e 320.000 están en risco de sufrir desnutrición severa aguda.
 
A pesar da violencia, as restricións de acceso e a escaseza de fondos, UNICEF e os seus aliados puideron proporcionar un exame nutricional e vacinas a millóns de nenos e mulleres afectados pola violencia.
 
?Necesitamos axilizar a distribución de axuda humanitaria e continuar salvando vidas e os soños dos nenos de crecer, ter unha educación e formar as súas propias familias?, dixo Harneis. ?É unha carreira contrarreloxo?.
 
UNICEF reitera o seu chamamento a todas as partes do conflito para que poñan fin á loita en Iemen e alcancen unha solución política. Mentres continúa a procura da paz, necesítanse medidas urxentes:
 
·         Todas as partes do conflito deben aterse ás leis da guerra, e parar inmediatamente os ataques contra civís e contra infraestrutura civil como escolas e instalacións sanitarias e de auga.
 
·         Todas as partes deben deter o recrutamento e uso de nenos nos combates. Os nenos recrutados tanto para loitar como para outros labores, deben ser liberados.
 
·         Todas as partes deben proporcionar acceso humanitario ilimitado e incondicional para chegar a todos os nenos, independentemente de en que partes do país estean (mesmo en zonas illadas polo conflito).
 
·         UNICEF e os seus aliados precisan garantir urxentemente o seu financiamento. Ata agora UNICEF só recibiu o 18% dos 180 millóns de dólares (160,5 millóns de euros) que necesita para 2016.

"Iemen xa era un estado fráxil debido aos conflitos intermitentes e á falta de desenvolvemento. Desgraciadamente, os nenos sempre son os que máis sofren. Se a guerra non termina o país corre o risco de converterse nun estado errado con consecuencias de gran alcance para os nenos e as súas familias", dixo Peter Salama, director rexional de UNICEF para Oriente Medio e África do Norte.

Podedes descargar o informe (en inglés) aquí.

Para descargar fotos e vídeos:

ftp://video.unicef.es/yemen/

Usuario: Refcom

Contrasinal: uce442087

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]