Dous de cada cinco nenos carecen de asistencia vital na República Centroafricana

Un ano despois de que a violencia extrema sacudise a República Centroafricana, dous de cada cinco nenos que necesitan urxentemente o apoio de UNICEF seguen sen recibir axuda humanitaria vital, segundo a organización.

UNICEF di que a grave falta de financiamento e a inseguridade -como por exemplo as barricadas nas estradas, os saqueos e os ataques contra traballadores humanitarios- deixaron sen acceso aos servizos esenciais de saúde, auga, educación e protección aos nenos que esperaban axudar este ano.

"Os nenos na República Centroafricana xa non están nos titulares, pero máis de 2,5 millóns seguen vivindo nun medo constante", dixo Manuel Fontaine, Director Rexional de UNICEF para África Occidental e Central. "Teñen moi pouco acceso aos servizos esenciais e dependen totalmente da axuda humanitaria. Mentres nos preparamos para celebrar o Ano Novo, debemos aproveitar a oportunidade para dar un futuro mellor a estes nenos".

Debido a que este ano se recibiu menos da metade dos fondos de emerxencia necesarios, e a que o acceso humanitario estivo limitado debido á violencia, UNICEF ti
vo que realizar grandes esforzos para ofrecer a asistencia vital que as comunidades necesitan.

. 620.000 persoas non puideron recibir atención médica nin medicamentos básicos

. 250.000 persoas non tiveron acceso a fontes melloradas de auga

. 33.000 nenos non foron vacinados contra o sarampelo

. 5.000 nenos gravemente desnutridos menores de cinco anos non recibiron tratamento.

No momento máis álxido da crise, a loita e os enfrontamentos xeneralizados obrigaron a preto de medio millón de nenos a abandonar os seus fogares. O conflito destruíu as comunidades de todo o país, deixando un ronsel de destrución e o colapso dos servizos básicos. Segundo UNICEF, unha media de polo menos un neno foi asasinado ou mutilado todos os días deste ano na República Centroafricana. Os grupos armados recrutaron unha cifra próxima aos 10.000 nenos.

"Detrás do horror da violación e o asasinato hai moitos mestres, vacinadores, traballadores sociais e médicos na primeira liña de batalla que se arriscan todos os días en pro dos nenos", dixo Manuel Fontaine. "Sen apoio, o seu traballo para salvar vidas está ameazado, e é moi posible bótense a perder a maior parte dos progresos alcanzados este ano. "

Xunto coas autoridades e os aliados locais, UNICEF puido prestar servizos esenciais a miles de familias necesitadas. Preto de 1,4 millóns de persoas recibiron medicamentos; máis de 1 millón de nenos foron vacinados contra a poliomielite; aproximadamente 550.000 mosquiteiros foron distribuídos para protexer as familias contra o paludismo; e máis de 22.300 nenos con desnutrición grave recibiron tratamento terapéutico.

Ao mesmo tempo, a crise estase a ampliar ao longo das fronteiras. Nos últimos 12 meses, a violencia xerou 188.000 novos refuxiados que fuxiron aos países veciños, como o Camerún, o Chad, o Congo e a República Democrática do Congo. Máis do 80% das persoas que foxen da violencia a través das fronteiras son nenos e mulleres. Ademais, preto de 430.000 persoas que fuxiron dos seus fogares seguen desprazadas dentro da propia República Centroafricana. Máis de 16.000 persoas das poboacións minoritarias mantéñense asediados en enclaves rodeados por grupos armados.

UNICEF fai un chama
mento por 72 millóns de dólares para levar a cabo en 2015 os seus programas de emerxencia na República Centroafricana; o obxectivo é reconstruír os servizos sociais, protexer os civís, involucrar as comunidades para fomentar a reconciliación e promover a paz.

Neste enlace pódense descargar videos e fotos da República Centroafricana: http://uni.cf/1w3X7RC

Acerca de UNICEF:

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55

[email protected]