A desnutrición ameaza a vida dos nenos en Sudán do Sur

Os nenos continúan nunha situación desesperada a pesar das melloras temporais na seguridade alimentaria

Decenas de miles de nenos menores de cinco anos están en risco de morrer por desnutrición en Sudán do Sur, a pesar das melloras temporais na situación de seguridade alimentaria das que informou hoxe o grupo de expertos do Sistema de Clasificación Integrada de Seguridade Alimentaria (IPC polas súas siglas en inglés).

A desnutrición, especialmente entre os nenos máis pequenos, non está a reflectir as melloras en seguridade alimentaria a causa de altos índices de enfermidades, escaseza de auga potable e falta de acceso a coidados sanitarios básicos. A diarrea e outras enfermidades impiden que os nenos absorban os nutrientes, polo que, aínda que accedan a alimentos, poden seguir estando perigosamente desnutridos. Aqueles que se encontran en zonas de conflito, especialmente os 1,4 millóns de desprazados internos -máis da metade dos cales son nenos-, son os que corren máis riscos.


As taxas de desnutrición infantil encóntranse en niveis críticos ou graves na maior parte de Sudán do Sur. Nalgunhas zonas onde se concentra un gran número de persoas desprazadas a causa do conflito, os índices de desnutrición aguda nos nenos están por enriba do 30 por cento; isto é máis do dobre do nivel que se recoñece oficialmente como de emerxencia. Levar axuda humanitaria aos nenos con desnutrición supón un gran reto debido á constante inseguridade e á tempada de chuvias, que deixou case todas as estradas do país cortadas.


"Miles de nenos que sofren desnutrición continúan en perigo porque aínda non foron alcanzados", dixo Jonathan Veitch, Representante de UNICEF en Sudán do Sur. "Temos que aproveitar a próxima estación seca -e a conseguinte melloría nas estradas- para distribuír subministracións vitais para o tratamento dos nenos que sofren desnutrición. É fundamental que sexamos capaces de acelerar a nosa resposta durante este período de oportunidades".


O último informe doIPC sinala que 1,5 millóns de persoas se encontrarán en "niveis de crise e emerxencia por inseguridade alimentaria" de setembro a decembro, o que indica unha lixeira melloría dende as últimas previsións, xa que os próximos meses coinciden coa colleita. O grupo de expertos tamén recoñece o labor da axuda humanitaria na mellora dalgunhas zonas.


O IPC advirte que os prognósticos para 2015 seguen sendo preocupantes, con 2,5 millóns de persoas en niveis de crise e emerxencia de xaneiro a marzo. Aínda que a previsión non chega máis alá de marzo de 2015, os meses de escaseza en Sudán do Sur normalmente alcanzan o seu punto máximo en maio. Os nenos, que sempre son os que máis sofren a falta de alimentos, estarán polo tanto en grave risco de desnutrición.

UNICEF ampliou masivamente a axuda humanitaria en resposta á crise en Sudán do Sur. En colaboración co Programa Mundial de Alimentos (PMA), UNICEFincrementou os servizos para os nenos con desnutrición a través da execución directa e de colaboracións adicionais con ONG nacionais e internacionais.


Dende abril, UNICEF proporcionou tratamento para a desnutrición aguda grave a 55.000 nenos menores de cinco anos e prognostica que, coa continua ampliación das súas accións, poderá chegar a 120.000 a finais deste ano.
Unha importante estratexia para chegar ás zonas remotas son as misións de resposta rápida que levan a cabo conxuntamenteUNICEF e o PMA. Sen estas misións hai zonas que, doutro xeito, non terían visto chegar a axuda humanitaria dende o inicio do conflito o pasado decembro.


Durante as súas misións de resposta rápida, o PMA distribúe comida, mentres que UNICEF leva a cabo as revisións nutricionais, dá tratamento a nenos con desnutrición aguda, proporciona servizos sanitarios básicos e inmunización, subministra auga potable e saneamento, leva un rexistro de menores non acompañados para reunificalos coas súas familias, e apoia actividades educativas básicas.


UNICEF necesita urxentemente 19 millóns de euros para poder seguir ampliando a súa resposta nutricional e adquirir subministracións vitais durante a próxima estación seca.

Más información:

Raquel Fernández, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55