Declaración de UNICEF pola perda de dúas traballadoras no atentado de Kabul

Hai menos dun ano que UNICEF rendía tributo aos compañeiros que perderon a vida polo ben dun futuro mellor para todos os nenos, nun acto conmemorativo na casa de UNICEF en Nova York. Hoxe, con moita tristura e indignación, temos que engadir dous nomes máis a esa lista de heroes.

Basra Hassan, especialista en Nutrición, e Nasreen Khan, especialista en Saúde, morreron no tráxico ataque a un restaurante en Kabul, na tarde do 17 de xaneiro de 2014. É difícil medir a profundidade da nosa conmoción e a dor ao recibir a noticia -e tamén a magnitude da nosa indignación por esta violencia sen sentido.


Estas compañeiras eran parte do equipo de UNICEF en Afganistán e de toda a comunidade de persoal internacional -algúns dos cales tamén faleceron onte en Kabul- que está dedicada a mellorar as vidas doutros e a construír un mundo mellor e máis seguro para todos. Así pois, a perda das nosas colegas non é só persoal, é ademais unha perda para esa causa indispensable. Rendemos honra ao seu sacrificio, e lamentamos profundamente as súas mortes.


Mentres asumimos o impacto desta terrible perda, as familias das compañeiras caídas pedíronnos respecto á súa privacidade nestes momentos difíciles.UNICEF permanece unida nas nosas condolencias e solidariedade coas familias e seres queridos do noso persoal, e tamén na nosa determinación de continuar o traballo polo que deron a vida as nosas compañeiras.

Más información:

Dailo Alli, xefe de prensa de UNICEF España, 609160051