Aterra en Bangui o maior cargamento de axuda humanitaria dende que se desatou a violencia

UNICEF transporta a República Centroafricana 77 toneladas métricas de subministracións vitais

Preto dunha semana despois de que os enfrontamentos producisen centos de mortos e decenas de miles de desprazamentos na capital da República Centroafricana, hoxe aterrou en Bangui o maior cargamento de axuda humanitaria dende que se desatou a violencia, con 77 toneladas métricas de subministracións de emerxencia de UNICEF.

O voo chárter MD-11 leva mantas, xabón, bidóns de auga, medicinas, equipos de potabilización de auga, sabas e kits para parteiras, para a súa distribución inmediata a 37.500 persoas. "A semana pasada, moitas persoas, na súa maioría mulleres e os seus fillos, fuxiron para salvar as súas vidas sen nada máis que a roupa que levaban posta", dixo dende BanguiManuel Fontaine, Director Rexional deUNICEF para África occidental e central. "No aeroporto hai familias con nenos pequenos vivindo debaixo das ás dos avións, expostos ao vento e á chuvia. Moitos foron testemuñas dunha violencia terrible e teñen demasiado medo para volver á casa. " "Estas subministracións de emerxencia distribuiranse aos nenos e familias máis vulnerables, incluíndo sabas de plástico para protexelos e subministracións médicas para que os nosos aliados poidan seguir poñendo atención de emerxencia aos feridos tras estes días de violencia", destacou Fontaine. "Moitas persoas desprazadas pola violencia aínda non recibiron axuda. Son tantas as persoas que necesitan axuda que UNICEF non tiña suficientes subministracións dispoñibles. Esta nova remesa de subministracións de emerxencia é fundamental para previr enfermidades, especialmente entre os nenos e as mulleres máis vulnerables '' ' dixo Fontaine. Dende o comezo da crise na República Centroafricana hai case un ano, UNICEF fretou seis avións de carga a Bangui. UNICEF ten previsto enviar máis cargamentos de axuda humanitaria con outras 100 toneladas métricas de medicamentos que salvan vidas e equipos médicos que aterrarán en Bangui a próxima semana.

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / [email protected]