87 millóns de nenos menores de 7 anos só viviron en zonas en conflito

Máis de 86,7 millóns de nenos menores de sete anos pasaron toda a súa vida nunha zona asediada por un conflito, un factor que representa un risco para o desenvolvemento do seu cerebro, segundo afirmou hoxe UNICEF. 

Durante os sete primeiros anos da súa vida, o cerebro do neno ten a posibilidade de activar 1.000 células cerebrais por segundo. Cada unha destas células, chamadas neuronas, ten a facultade de conectarse miles de veces por segundo con outras 10.000 neuronas. As conexións do cerebro son elementos básicos para o futuro do neno, xa que definen como será a súa saúde, o seu benestar emocional e a súa capacidade de aprendizaxe.
 
Os nenos que habitan en zonas de conflito están a miúdo expostos a traumas extremos que lles poñen en risco de vivir nun estado de tensión tóxica. Isto inhibe a conexión das células do cerebro e ten importantes consecuencias no seu desenvolvemento cognitivo, social e físico durante o resto da súa vida. 
 
"Ademais das ameazas físicas inmediatas que afrontan os nenos durante estas crises, corren tamén o risco de sufrir profundas cicatrices emocionais", dixo a responsable de UNICEF para o desenvolvemento na primeira infancia, Pia Britto.
 
Segundo datos de UNICEF, en todo o mundo 1 de cada 11 nenos menores de 7 anos viviu nunha situación de conflito durante a época da súa vida máis importante para o desenvolvemento do seu cerebro. 
 
"Os conflitos privan aos nenos da súa seguridade, da súa familia e dos seus amigos, do xogo e da rutina. Estes son os elementos que durante a infancia ofrecen aos nenos as mellores oportunidades posibles para ter un desenvolvemento pleno e unha aprendizaxe eficaz, o cal lles permitirá contribuír ás súas economías e sociedades e crear comunidades sólidas e seguras cando sexan adultos", dixo Pia Britto.
 
"Esta é a razón pola cal debemos investir aínda máis para proporcionar aos nenos e ás coidadoras subministracións e servizos esenciais, como materiais pedagóxicos, apoio psicosocial e espazos amigos da infancia. Todo iso pode contribuír a recuperar, no medio do conflito, o sentimento de ser un neno".
 
Un neno nace con 253 millóns de neuronas activas, pero para que o cerebro alcance a súa plena capacidade de funcionamento na idade adulta, con ao redor de 1.000 millóns de neuronas capaces de conectarse entre elas mesmas, é moi importante o desenvolvemento na primeira infancia. Isto inclúe a lactación materna e a nutrición temperá, a estimulación precoz por parte dos coidadores, as oportunidades de aprendizaxe desde idades temperás e a posibilidade de crecer e de xogar nunha contorna segura e sa.    
 
Como parte das súas intervencións en situacións de emerxencia humanitaria e crises prolongadas, UNICEF trata de manter aos nenos en contornas amigas da infancia, proporcionándolles kits de emerxencia con materiais pedagóxicos e recreativos. Soamente o ano pasado, os kits de emerxencia deron apoio a máis de 800.000 nenos que se atopaban en situacións de emerxencia.

Para descargar fotos e vídeos:

ftp://video.unicef.es/ninos_nacidos_conflictos

Usuario: Refcom

Contrasinal: uce442087

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]